Galitzia

Por estas datas, hai dez anos, en Polonia abrianse grandes fendas no edificio do socialismo real. En marzo, as negociacións da chamada mesa redonda deixarían paso ás primeiras eleccións pluripartidistas nun país do Pacto de Varsovia. A subseguinte derrota do POUP convertiría a Tadeusz Mazowiecki, un socialcristián, primeiro ministro dun país constitucionalmente socialista. Uns meses despois caía o muro de Berlín. O protagonismo de Polonia, un país clave nese proceso, non sempre foi recoñecido.

Nas novas coordenadas políticas da Europa do Leste, Polonia segue a desempeñar un importante papel. Para Galicia, nunha estratexia de aproximación ós países de Europa Central e Oriental, ten un gran interese. Galicia non pode pasar por alto as novas realidades que emerxen no antigo bloque soviético e, en especial, no grupo "Visegrad", países que proximamente se integrarán na Unión Europea.

A súa estabilidade política, a diferencia doutros países da zona; a fortaleza das súas institucións; a similar importancia de actividades relacionadas co sector primario (a agricultura principalmente); a súa ubicación estratéxica e a condición de ponte cara ós mercados da zona; ou a presencia da Galitzia histórica, se ben difuminada na configuración administrativa actual; e as grandes afinidades relixiosas, son factores a ter en conta á hora de establecer un marco xenérico de relacións con Varsovia.

No primeiro número de A Nosa Terra (1916), Antón Vilar Ponte, saudaba a independencia de Polonia e destacaba o papel desempeñado polo idioma no rexurdir nacional da patria de Chopin. Daquela Galicia estaba atenta a canto acontecía ó seu redor. Agora quizáis cheguemos algo tarde.