Irlanda, a autodeterminación de veludo

Votou Irlanda toda. Partida en dous dende 1921, por primeira vez podían facelo todos xuntos. No sur, unha reforma constitucional para renunciar formalmente ó obxectivo da reunificación da illa. No norte, para dar a conformidade ó denominado "Acordo de Stormont" que contempla un proceso de paz e o deseño dun entramado institucional que satisface inicialmente ás maiorías católica e protestante, a nacionalistas e unionistas.

Cun índice de participación do 81.10%, nos seis condados do Norte os votos afirmativos superaron o 71% dos sufraxios emitidos; nos 26 condados do Sur, a participación foi menor, un 55.59%, pero cun resultado abrumador: 94.39% de sies. Non se cumpriron os vaticinios de que o acordo sería aprobado por unha estreita marxe. O referendo do 22 de Maio resultou un gran éxito. O próximo 25 de xuño, a maioría do Ulster histórico (3 condados foron incorporados ó Eire) elixirá unha Asemblea lexislativa de 108 membros. Gerry Adams, líder do Sinn Fein, propón a John Hume, do Partido Socialdemócrata, unha alianza de todo o nacionalismo irlandés.

Se en Dublín o goberno de Bertie Ahren amosou a receptividade necesaria para que Stormont cuallase en acordo, cómpre sinalar que os principais líderes do Ulster, a excepción de Ian Paisley, sen superar as divisións do pasado que seguen a estar presentes, comprenderon sen dúbida o cambio de situación e decidiron a conciencia transformar os riscos en oportunidades para a paz. Mentres pequenos grupos anunciaban a súa intención de non renunciar ó uso da violencia, as figuras máis emblemáticas do IRA apoiaron as teses de Gerry Adams.

O acordo de paz sobre o Ulster pecha unha conflictiva etapa e un longo proceso de negociacións entre Belfast, Londres e Dublín. Adentrámonos nun novo escenario político que abre grandes oportunidades para a paz en Irlanda. O "acordo do Venres Santo" é un principio, unha posta a punto, que cristaliza e solidifica as múltiples vontades de renuncia á violencia das diferentes partes, asumindo todos o firme compromiso de aceptación da posibilidade de introducir cambios políticos substanciais pola vía democrática e pacífica. Quedan flecos por resolver e moitas dificultades por sortear, pero sen dúbida o vello contencioso irlandés mudou radicalmente a súa faciana.

O acordo de paz leva implícito o xerme dun novo e rico período noutra dimensión: a búsqueda de innovadoras fórmulas políticas que recoñezan o pluralismo nacional e permitan o exercicio dunha maior soberanía por parte das nacións históricas do vello continente. Un proceso, polo seu calado e repercusións, de tanta envergadura no político como a entrada en vigor do euro no ámbito económico e monetario.

¿Que cambiou para ser posible agora este acordo de paz? Deberiamos tomar en consideración tanto factores externos como internos. No que atinxe ó primeiro, cómpre destacar o papel da mediación estadounidense. Sabido é que Washington, autoelixido gardián da nova orde mundial, ten designado mediadores para algúns dos mais enrevesados conflictos do mundo actual (James Baker, para o conflicto saharahui; Richard Holbroke, para o conflicto bosnio; Stephen Solarz, para o conflicto camboiano; Denis Ross, para o conflicto arabe-israelí, etc). En Irlanda, Bill Clinton, que chegou a implicarse directamente na campaña en favor do si, tiña ademais a oportunidade de colmar as expectativas dun importante colectivo electoral, os amigos de Irlanda en Estados Unidos, semellante en importancia ás comunidades hispana ou xudea. O acordo de paz para o Ulster, logrado coa mediación do ex-senador estadounidense George Mitchell, significa un importante éxito político para a Casa Branca que ven como anel ó dedo para revitalizar a deteriorada imaxe presidencial.

Doutra banda, os cambios acontecidos en Europa dende finais dos anos oitenta, aquela nova primavera das nacións na Europa do Leste, observada dende algúns sectores nacionalistas coma o "cabalo de troia da OTAN para a destrucción do socialismo ir-real", acabaría por repercutir, como xa daquela dicíamos algúns, na dinámica política dos Estados de Europa Occidental. Desaparecido o vello inimigo, sen a vertixinosidade da caída do muro de Berlín pero igual de inexorablemente, habían rexurdir con forza e novos matices os vellos problemas. Pero a marxe de imaxinación política e de flexibilidade dos diferentes actores resultaría infinitamente maior para atopar solucións negociadas e susceptibles de volatilizar as vellas fronteiras. Irlanda, "a nación máis interesante do mundo para os galegos" segundo afirmaba en "Céltiga" o Plácido Castro, constitúe un destacado episodio deste proceso pero de seguro non será o único.

No ámbito interno, cómpre destacar a profunda renovación política que inspira o mandato de Tony Blair. Irlanda, un motivo constante de discordia e dificultades para Inglaterra, non é un caso illado. Os referendos celebrados en Escocia e Gales no pasado setembro, con esa firme aposta, dende Downing Street, pola creación dos seus propios Parlamentos, son unha mostra clara do inicio dunha nova era en Londres que tenta recuperar o vello discurso tradicional británico (tan alabado polo noso Plácido Castro) dun máis efectivo recoñecemento da diversidade nacional do Estado a cambio dunha máis diluída lealdade que se prolonga ata Bruselas. Os escoceses contarán ademais con competencias importantes en numerosos dominios e entablarán unha relación privilexiada coa Unión Europea, cualitativamente moi superior a de calquer outra "rexión" dun Estado occidental.

O acordo de paz representa un novo paso nesa profunda reestructuración política de Europa, dos seus Estados e das súas nacións, que abre novas expectativas para a búsqueda de solucións políticas a outros contenciosos, que nega en definitiva a transcendencia última da violencia e acerta ó considerar que, no contexto histórico actual, o binomio acción-represión, como mecanismo privilexiado para a obtención de maiores niveis de poder político, está condenado ó fracaso. A vía pacífica e democrática permite acadar hoxe máis e mellores resultados.

Esa Galicia, nacionalidade histórica, cunha tradición galeguista que observou sempre con admiración, entusiasmo e simpatía as reivindicacións irlandesas, que non dubida hoxe en saudar a paz, debe igualmente enriquecer a súa vida política sumándose con ilusión a esa locomotora que renova Europa dende os seus cimentos.