Kohl, o heroe na lama

Hai pouco máis de dous meses, o pasado nove de novembro, Helmut Kohl presidía na compaña de M. Gorbachov e G. Bush os actos do décimo aniversario da caída do muro de Berlín. O ex chanceler podía estar satisfeito, nas páxinas da historia recollerase que baixo o seu mandato produciuse a segunda unificación alemana. Como Bismarck podía contemplar con certa fachenda a súa obra, mesmo podía sentirse orgulloso de ter dirixido Alemaña durante máis tempo que Konrad Adenauer, o fundador do seu partido e figura política na que se inspiraba. Mais como este tivo que abandonar a CDU no medio dunha forte crise interna e ver o seu prestixio arrastrado polo lameiro da corrupción.

Na celebración berlinesa faltaban algúns dos dirixentes mundiais de finais dos oitenta. Os ultraconservadores Ronald Reagan e a Sr. Thatcher. O primeiro, suponse que por motivos de saúde e mesmo diplomáticos, pois no momento da caída do muro xa non era presidente; a segunda non se sabe moi ben por que. Obviamente tampouco podía estar presente o falecido Mitterrand, o "amigo francés" co que Kohl deseñaba a Unión Europea e mesmo seica subministrador de fortes sumas de diñeiro para gañar eleccións. Mesmo sobre todos eles, Kohl podía sentir unha certa superioridade. Seguía na brecha política, presidindo o partido e ocupando un escano no Bundestag. Certo que derrotado, mais quén non o ía estar logo de 16 exercendo o poder. Incluso aos seus setenta anos e coa súa saúde podería ver un novo goberno da CDU sobre o que lle sería doado influír dende a presidencia do partido.

Foi sempre un político de casta. Dende que aos 17 anos, recen rematada a guerra, ingresou na CDU, fundada por Adenauer, nunca tivo outra actividade, agás os estudios universitarios. Deputado primeiro e logo presidente da Renania-Palatinado. No seu escano do Bundestag soportou os anos de predominio dos socialdemócratas esperando a oportunidade para derrotalos, que non chegaría ata 1982. Dezaseis anos despois abandonou a Chancelería coa cabeza ben erguida.

Sempre se definiu como un nacionalista alemán conservador e nunca se preocupou en exceso das diatribas ideolóxicas. Máis partidario das conversas intimas cos dirixentes que dos grandes discursos en público, sabia que era nas distancias curtas onde se podía impor con facilidade. Engaiolou e soubo levar ao seu rego a Gorbachov, Mitterrand e González. Mesmo cando a onda neoliberal era máis abafante mantivo o modelo de benestar que consideraba sinal xenuíno dos social – cristiáns alemáns. Fixo da reunificación o seu gran obxectivo político e preferiu aos socialistas do sur para deseñar unha Europa baixo hexemonía alemana co consentimento de París que aos insoportables conservadores ingleses.

Nun libro de conversas, publicado en 1996, que leva por título Eu quixen a unidade de Alemaña di: "Cando no outono de 1989 nos puxemos en camiño cara a unificación, foi como se estivesemos cruzando un pantano: a auga chegábanos deica os xeonllos, a néboa impedía a visión e só sabíamos que nalgunha parte había un camiño firme, anque ignorasemos onde. Tras tentear paso a paso, chegamos sans e salvos ao outro lado…".

Se deu saído do pantano que se interpuña no camiño da unificación, no do fondos ilegais semella terse afundido definitivamente. Claro que tamén se pode sentir tranquilo, xa que foi o vencedor. Nos mesmos días en que se coñecían as primeiras noticias sobre o financiamento ilegal da CDU, o último presidente da República Democrática Alemana, Egon Krenz ingresaba nunha prisión berlinesa para cumprir condena como responsable das mortes acontecidas na fronteira entre as dúas Alemañas. Antes de entrar no recinto carcerario, Krenz declaraba referíndose a Kohl: "Entre el e eu hai unha gran diferencia: e ex chanceler violou a lei fundamental e o seu xuramento político. Eu non violei nin a lei nin a Constitución da RDA".