Kurdos, kosovares e as varas de medir

A decisión da Mesa do Parlamento Vasco de ceder as suas instalacións, durante o período de vacacións de xullo, para que a Asemblea Nacional Kurda no exilio as poida empregar para a sua reunión semestral ten provocado un rebumbio considerable alimentado pola actitude dos partidos estatais (PP e PSOE) e dos medios de comunicación madrileños.

¿Cales son as razóns de que poucos días despois de que o Ministro de Defensa acéptase entusiasmado a petición do Secretario Xeral da OTAN de enviar tropas españolas como forza de interposición no Kosovo, outro ministro do mesmo goberno, con hipócrita sensatez teña descualificado con total rotundidade o permiso do lexislativo vasco?

O conflicto kosovar e kurdo son basicamente idénticos. Nos dous casos, tratase de minorías nacionais perseguidas e privadas dos seus dereitos políticos, culturais e lingÿísticos, aínda máis grave -si se pode falar nestes termos – no caso kurdo sometidos a un exterminio planificado dende fai anos.

Serbios e turcos negan o feito nacional de kosovares e kurdos e as derivacións políticas do mesmo. Nos dous casos a confrontación política derivou en enfrontamento violento. Nas dúas situacións o nacionalismo expansionista – imperialista de Serbia e Turquía considera aos nacionalismos disgregadores – defensivos como terroristas que pretenden romper a unidade da Patria.

Mais o goberno español actúa de xeito ben diferente nun e noutro caso. Emprega dúas varas de medir, como os tratantes falsos que perseguen conscientemente o engano.

Nun caso estase disposto a facer fronte aos importantes gastos que supón enviar tropas de interposición entre serbios e kosovares, previsiblemente máis elevados xa que os EE UU teñen anunciado que -logo da última aventura iraquí – os fondos do Pentágono están escasos e polo tanto de chegarse a algún acordo -difícil por certo – en Rambuillet eles participarían no despegue militar sempre que a maioría das tropas fosen europeas e os estados da UE corresen cos gastos. Os custos poderían incluso non ser só económicos senón tamén en humanos.

Pois ben, o goberno español aplaude e anima as iniciativas que levaron ao Grupo de Contacto a impulsar as conversas do castelo de Rambuillet, no andar superior do cal está a delegación serbia e no inferior a misión kosovar da que forman parte os representantes do Exercito de Liberación do Kosovo (UCK).

Mentres deturpase a realidade da Asemblea Nacional Kurda afirmando que é unha montaxe dos “terroristas” do PKK cando saben que este parlamento non recoñecido é representativo de todas as tendencias políticas dos kurdos, e confúndese a opinión publica falando das – supostas, e nada mais que supostas -enormes perdas que esta decisión pode provocar no comercio exterior español. ¡Como se a solidariedade cun pobo sometido ao exterminio fose unha partida na conta de resultados!. ¿Quén se ten preocupado polas perdas orixinadas polos bloqueos de Serbia, Iraq ou Cuba?

O argumento de que Turquía é unha democracia é -coma case sempre que se emprega – falaz. … moi discutible o senso democrático do sistema político turco e dende logo non é moi diferente do da Serbia de Milosevic.

A pertenza á OTAN dos dous estados podería ser unha razón de peso para tratar de limitar os movementos dos dirixentes kurdos -por certo a maior aparte deles cidadáns da Unión Europea -. Máis cumpriría lembrar que Turquía entrou na Alianza Atlántica por interese dos EE UU, en plena Guerra Fría, para instalar alí cabezas nucleares apuntando cara Moscova, pouco despois a URSS faría o mesmo en Cuba provocándose o episodio de maior tensión militar do período bipolar. En todo caso a pertenza á Alianza Atlántica non lexitima democraticamente a ninguén. Turquía pode exercer presión a un aliado militar como o fixo con Italia no caso de Ocalam, o dirixente do PKK, mais nese caso debería dicirse e actuar en consecuencia, imitar a Italia e resistir ante esas presións ou ben ceder.

Semella que o rebumbio ven orixinado máis por cuestións de política interior que de relacións exteriores. Ten a aparencia de tratarse dunha nova oportunidade para presionar ao goberno de Gasteiz e forzalo a un pacto co PP ou PSOE. En todo caso a controversia, amplificada de xeito parcial e abafante polos medios de comunicación, pode durar tempo se o goberno central segue empeñado en desautorizar ao lexislativo vasco e as limitacións dun órgano de poder autónomo, que non pode facer uso libremente das suas instalacións, ao descuberto.