Litixios territoriais en Centroamérica axexan a paz

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

A inestabilidade que caracterizou ó istmo centroamericano na pasada década semella ter dado paso a un incipiente período de normalidade nestes últimos anos. Á marxe de desgraciadas catástrofes naturais ben coñecidas, a rexión está inmersa nun proceso de democratización e consolidación da paz. O positivo desenvolvemento das eleccións do pasado ano en Guatemala ou o recente trunfo da antigua guerrilla da Frente Farabundo Martí para la Liberación Nacional (FMNL) nos comicios salvadoreños son dous claros exemplos de que algo está a mudar en Centroamérica.

Esta mesma tendencia puido observarse tamén no acordo subscrito o pasado 7 de marzo entre Honduras e Nicaragua para soluciona-las súas diferencias fronteirizas.

Cando en 1986 Honduras e Colombia subscribiron un Tratado de delimitación marítima que efectuaba un reparto das súas respectivas pretensións territoriais no Mar Caribe, Nicaragua protestou enérxicamente por considerar que o citado acordo lesionaba os seus dereitos soberanos. Según Managua se lle impuxera un reparto no que Honduras se apropiaba de 130.000 kilómetros cadrados que lle pertencen (territorio especialmente rico en recursos pesqueiros e con un gran potencial en hidrocarburos).

Aínda que esta situación foi obxecto de demanda ante varias xurisdiccións internacionais e chegou a facer perigar en determinados momentos o proceso de integración centroamericano, ó longo da década dos noventa, iniciouse unha nova etapa de distensión que levou á celebración de diversas reunións e contactos para soluciona-lo litixio, se ben sen acadar ningún acordo concreto.

Nembargantes, as relacións entre ambos países volvéronse tensas cando o 30 de novembro de 1999 o Congreso hondureño ratificou o Tratado de delimitación marítima (que no seu momento non fixera). Esto provocou que Nicaragua adoptase medidas de represalia mediante a imposición dun arancel do 35% ás importacións hondureñas, así como tensións militares cando tanto Nicaragua como Honduras se acusaron mutuamente de teren efectuado movementos de tropas.

Tras diversos intentos fallidos de solventa-la situación, e coa mediación da Organización de Estados Americanos (OEA), os cancilleres de ámbolos dous países firmaron un acordo global de distensión. Segundo este acordo de 7 de marzo, Honduras e Nicaragua comprométense a cooperar na patrullaxe das súas costas, a retira-las forzas militares ás súas posicións previas á disputa, e a mante-los seus exércitos ó menos a 23 km. da fronteira terrestre común. Quedá así tan só por resolve-lo imposto do 35% que Nicaragua impuxo ás importacións dende Honduras.

Se ben o acordo non solventou a diferencia territorial, espérase que preveña a escalada da tensión namentres as partes agardan o fallo definitivo da Corte Internacional de Xustiza. Sen lugar a dúbida estas decisións contribuirán a afianza-la estabilidade na rexión e permitirán que se consoliden os avances realizados no proceso de integración política e económica en Centroamérica.