¡Máis ONU!

Un quixera ter a oportunidade de felicitar a Nacións Unidas polo empeño amosado na búsqueda dunha solución política negociada para o conflicto de Timor-Leste. Tantas veces escorada ó servicio dos intereses das grandes potencias, algo semellaba colarse agora para transformar as boas intencións en algo máis que palabras. O compromiso acadado coa mediación de Ian Martin, representante especial de Kofi Annan, amosaba que era factible desbloquear pacificamente contenciosos históricos que ata entón non ofrecían máis saída que a súa autoreproducción violenta. Todo un ensaio esperanzador para outras desavinzas semellantes, algunha tan próxima para todos nós como a que enfronta a Marrocos e ó Polisario, e todo un activo para reforzar e dignificar o papel dunha ONU clara e intencionadamente desubicada no novo contexto internacional. De non arbitrar un remedio urxente que garanta a restauración da súa autoridade no proceso de transición aberto en Timor-Leste, acentuarase o seu declive ata límites insospeitados.

O actual drama non deixa espacios para a complacencia, pero aínda así, cómpre reflexionar sobre dúas cuestións. Primeira, a ONU non dispón de poder real propio. Antes de culpabilizar a Nacións Unidas da traxedia, deberiamos ter en conta que o seu marco de funcionamento resulta extremadamente limitado. Timor-Leste non evidencia que a ONU non serve para nada, senón que precisamos máis ONU, con maior autonomía, con máis capacidade real de intervención, algo que lle negan as grandes potencias e Estados Unidos, o gran debedor, primeiro ca ninguén. Hai tempo que dende numerosos sectores se urxiu o desenvolvemento do capítulo VII da Carta de San Francisco no que se contempla a posibilidade de situar continxentes militares á disposición do Consello de Seguridade para levar adiante accións coercitivas internacionais. Pero tal como se evidenciou durante e despois da guerra do Golfo, a estratexia de Washington pasa por enfraquecer o papel da ONU, reducir custos, atala en curto, aminorar a súa capacidade política, e reconvertila quizáis nunha mera axencia samaritana.

Soamente unha implicación activa do poder real mundial pode reconducir a situación en Timor-Leste e encarreirar novamente o proceso. A tibiedade e inhibición estadounidense complementa á perfección a estratexia indonesia de limpeza étnica. Cando a China ensaia disparos de miseis desprovistos de carga para intimidar a Taipei, Washington non dubida en desprazar o “Nimitz” ata as augas do Estreito de Taiwán, pero cando os machetes dos paramilitares indonesios segan vidas iñocentes, prefire mirar para outro lado. Tampouco a Europa defensora dos dereitos humanos e da legalidade internacional amosa unha especial sensibilidade. As varas de medir son outras, xa comúns e coñecidas nunha orde internacional ateigada de miserias e deliberadas impotencias. Pero a solución a este e outros conflictos que crecen coma fungos nun mundo que se nos prometía feliz despois da derrota do “imperio do mal”, non pasa pola demanda de intervencións improvisadas senón por transferir máis poder á ONU.