O desaforado senador reaparece

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

O 8 de agosto a Corte Suprema levantou o manto protector do que dispuña Augusto Pinochet para fuxir da xustiza pola súa condición de senador vitalicio. Quedou, entón, espido diante das responsabilidades que se poidan derivar do xuízo sobre os feitos acontecidos en outubro de 1973 relativos á "Caravana de la muerte". Unha sinistra comitiva militar que peregrinou por distintas cidades chilenas para acelerar a a execución de 74 detidos. Acurralado pola xustiza e a opinión pública internacional, o xeneral retirado, principia unha ofensiva para agrupar aos adeptos do interior e para xustificar o xenocidio do que foi instigador.

A data elixida para lanzar a súa ofensiva foi o 4 de setembro, día que ten un especial significado para os chilenos, xa que era na que se celebraban as eleccións presidenciais ate hai 30 anos. Precisamente o derradeiro presidente elixido un 4 de setembro, foi socialista Salvador Allende. En 1970 as urnas democráticas e a ratificación do senado foron o pasaporte para ser inquilino do "Palacio de la Moneda" ata que a traizón do seu comandante en xefe das forzas armadas, Augusto Pinochet, acabou coa liberdade. O golpe liderado polo xeneral un 11 de setembro de 1973, coa inequívoca complicidade da CIA se enmarcou e no denominado Plan Cóndor, destinado a eliminar, sen escrúpulo algún nos métodos, calquera posibilidade de goberno de esquerdas ou aos movementos revolucionarios.

As ironías do destino e os tortos camiños da oportunidade política quixeron que a festividade, da funesta data do "Once", fose mudada pola celebración do día da "Unidade Nacional" que coincide co 4 de setembro.

O entorno de Pinochet considera chegado o momento de pasar a unha contraofensiva que poida limpar as manchas que na dubidosa reputación do dictador deixaron tanto os 503 días de detención en Londres, como o proceso xudicial interno.

As dúas primeiras reaparicións como desaforado foron nunha homenaxe aos 500 soldados caídos en combate ou en actos terroristas e para asistir a unha misa polo almirante José Toribio Merino, un ex-membro da xunta militar.

Un nutrido grupo de militares no retiro, ao redor dos cincocentos, ven de fundar en Valparaiso o movemento "Chile mi patria" para funcionar como grupo de presión. Ten por obxectivo de apoiar aos militares procesados para " darlle un trato xusto a aqueles que salvaron ao país, non só do marxismo que levaba ao país á pobreza, senón tamén de conflictos bélicos con Arxentina e Perú".

Difícil o ten Augusto Pinochet para fuxir do cerco da xustiza que se estreita con declaracións como as feitas recentemente por un ex-oficial do exército que relatou o xeito en que foron axustizados prisioneiros políticos que caíron nas gadoupas da "Caravana de la Muerte". Sabe perdida boa parte da popularidade da que gozou cando controlaba ferreamente o país o os crimes contra da humanidade permanecían ocultos.

Quizais por esta razón teña desbotado facer o pronunciamento público o once de setembro, data do golpe e, amais, teña optado por un discurso positivo no que se pida o peche das feridas para favorecer a reconciliación tal como lle aconsellou o avogado Fernando Barros, que lle leva a estratexia diante dos medios.

As súa mensaxe apartarase da apocalíptica linguaxe da Fundación Augusto Pinochet que aínda utiliza anacrónicas retóricas propias dun tempo prohibido, ao considerar o proceso ao dictador como"…o último elo dunha cadea de vinganza urdida na súa contra polas forzas do socialismo chileno e internacional… que teñen por obxectivo destruír a obra fundacional das forzas armadas e ensombrecer o claro liderado do senador Pinochet".

O Goberno Lagos sabe que o movemento Pinochetista xa non divide ao país, só pode chantaxear cun exército que non fixo a súa particular transición, mais comeza a estar preocupado por aparecer como o revanchista, tal como se debuxa dende os poderosos medios de comunicación pinochetistas.

A segunda transición xa votou a andar en Chile e a xustiza camiña independente polas corredoiras da plena democracia. Nin Pinochet nin o goberno están en condicións de deter a tremenda forza da lei cando actua en liberdade.