O fracaso da política e a autonomía da guerra

A Clausewitz, director da escola da guerra de Berlín, atribúese a célebre frase de que esta non é máis que a continuación da política por outros medios. A obra póstuma do xeneral prusiano, Da guerra exerceu unha certa influencia sobre Marx quen apreciou a terminoloxía hegeliana e a ausencia de idealismo burgués nas súas consideracións acerca do sometemento da dirección militar á xefatura política. A través de Marx, o seu influxo chegou a outras interpretacións do marxismo: Lenin, Mao Zedong ou os movementos de liberación da década dos sesenta.

Pasado o século que máis e cruentas guerras contemplou, despois de tanto sufrimento, un chega a conclusión, non sei se idealista, de que a guerra non é un paso máis da loita política senón, sinxelamente, o fracaso da mesma.

Polo menos se entendemos a función política como aquela que tenta buscar e atopar solucións aos conflictos "non da negación dos mesmos" dende posicións ideolóxico-políticas nidias e a vontade de transacción. E contemplamos ao bo dirixente político como aquel que no momento álxido do conflicto é quen de evitar a tentación de se converter en heroe.

Cando os políticos deixan saír a escena aos militares ou se converten eles mesmos en militaristas temos a desgracia asegurada, nomeadamente cando a guerra hai tempo que deixou de ser cousa de heroes, xa non é a gloriosa pelexa entre Aquiles e Héctor dando voltas á muralla de Troia senón só matanza indiscriminada e destrucción masiva. Agora nas guerras non morren os señores guerreiros senón os cidadáns do común.

Ao destapar a caixa dos tronos "polo fracaso dos políticos ou pola perversión militarista dos mesmos – o demo bélico bota a andar por si só e tentar de metelo de novo na gaiola convértese nun labor arduo e difícil. Ao enterrar mortos a guerra toma a súa propia dimensión, faise autónoma da política e redirixila pola vía da negociación pode levar anos. Matinemos senón nas dificultades dos procesos de paz inacabados, ou que ameazan en deixar de selo, na Irlanda, Palestina ou o País Basco.

Os fracasos políticos nos Balcáns: o caso de Serbia

Pode semellar ridículo pero non deixa de ser necesario lembrar que nas terras dos eslavos do sur levan dez anos en guerra; a opinión pública comezou a preocuparse seriamente polas mesma cando se produciu a intervención da OTAN, uns porque viron acercarse o que antes era "cousa dos tolos eslavos" e outros porque por fin podían xustificar a súa visión do conflicto e poñerse do lado das víctimas da agresión da Alianza.

Salientar os fracasos políticos pode servir para explicar o que é ben difícil de comprender.

O primeiro grande fracaso é o da clase dirixente serbia, que podemos identificar coa figura simbólica de Milosevic, preocupada máis por asegurarse a permanencia no poder que en iniciar as reformas necesarias dun sistema en crise ou do complexo equilibrio no que se baseaba a Iugoslavia de Tito. Foron os primeiros en botar man das teorías dos mozos de Chicago e aplicar as "terapias de choque", esto é a introducción salvaxe do "capitalismo salvaxe". A solución non era tan doada e os efectos milagreiros das receitas non foron tales. Para acadar o seu obxectivo agarráronse ao expansionismo, á tese de que Serbia está alí onde hai serbios.

Empurrados polos ventos da Gran Serbia, suprimiron as amplas autonomías concedidas pola reforma constitucional de 1974 ao Kosovo e á Voivodina. Sentíanse referendados pola CEE e os EE UU que afirmaban, na Carta de París aprobada pola Conferencia de Seguridade e Cooperación en Europa, contundentemente, que despois da unificación alemana non habería máis modificacións das fronteiras europeas, e polo control que exercían sobre o exercito iugoslavo.

A cancelación das autonomías en Serbia asustou a Eslovenia e a Croacia que xa viran como o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos de 1918 rematara sendo o Reino de Iugoslavia tralo golpe de estado que permitiu a instauración da dictadura de Alexandre I en 1929. Mentres nas repúblicas bálticas as ansias por recuperar a independencia eran cada vez máis fortes e o futuro da URSS cada vez máis incerto. A cousa non se ía reducir á unificación alemana.

A proclamación da independencia por parte de Eslovenia en 1990 supuxo a primeira intervención do exercito federal iugoslavo. Mentres, os países comunitarios seguíanlle a dar azos aos gobernantes de Belgrado, ofrecéndolle, maio de 1991, un privilexiado tratado de asociación a fin de evitar a desmembración e o mesmo James Baker advertíalle a Eslovenia e Croacia, xuño de 1991, que non recoñecerían a súa independencia nin se lles prestaría axuda económica.

A guerra de Croacia destapou definitivamente a caixa dos tronos e os dous expansionismos que mantivera o titismo en funambulesco equilibrio tornaban a súa tradición de confrontación. Outra volta, como nos tempos da IIª Guerra Mundial: chetniks contra ustachas, mais xa non hai partisanos. As lexitimas aspiracións de Croacia a súa independencia deslexitímanse ao provocar o éxodo dos serbios da Kraxina e da Eslavonia e estas accións xustifícanse nos ataques do exercito federal e dos serbios "esporeados pola ideoloxía panserbia – asentados nos territorios croatas. O recoñecemento internacional de Eslovenia e Croacia, impulsado por Alemaña e Italia, foi admitido finalmente por EE UU e unha Rusia que pouco podía dicir. Macedonia quedou pendente pola oposición grega.

O enfrontamento desprazábase agora a Bosnia a peza clave e máis feble do castelo de naipes erguido polo titismo, quen ideara esta república como amortecedor das tendencias expansionistas de croatas e serbios. Caído o castelo, a república bosníaca convertíase no escenario do horror. O territorio en disputa nas orixes da Iª Guerra Mundial era de novo mazá da discordia. A solución ao conflicto supuxo un novo recoñecemento occidental ao expansionismo. Os EE UU pecharon na base militar de Dayton a Tudxman, Milosevic e Itzevegovic e obrigáronos a aceitar non unha Bosnia independente, multiétnica e democrática senón un protectorado internacional formado por repúblicas limpas etnicamente. Milosevic e Tudxman deixaban pendente a cuestión de Bosnia e comprometíanse a deter os enfrontamentos armados. Os dous vencían.

Na nova Iugoslavia " a terceira – os tempos viñan mal para Milosevic e a súa nomenclatura agrupada no Partido Socialista Serbio. Coñeceu os seus peores momentos, tivo que enfrontarse con Karadzic e os serbios de Bosnia que o consideraban un traidor e soportar as presións da oposición nas rúas de Belgrado tras as eleccións municipais. Mais reaccionou, dirixiu os fusís cara o Kosovo, onde iniciara o ascenso ao poder uns anos antes, e absorbeu á oposición "ilusionándoa coa nova fazaña – convertendo ao líder do fascista Partido Radical Serbio en vicepresidente de Serbia e dándolle a carteira de Interior ao monárquico, ególatra e expansionista Draskovic.

O fracaso político dos dirixentes serbios é estrepitoso non só polos mortos orixinados na súa aventura, que xa sería suficiente, senón porque o obxectivo de converter a Iugoslavia Federal nun área fiascohexemonizadafiasco por Serbia quedou reducido á nada: perderon Eslovenia, Croacia, Macedonia e Bosnia, van perder o Kosovo e pode acontecerlle o mesmo con Montenegro. En fin un fíasco senón fose unha traxedia.

O fracaso de Europa

O segundo fracaso político é o da Unión Europea, non tanto por acción senón por omisión, xa que carece de política exterior común. Esta limitación provocou continuos vaivéns: primeiro só admitían unha Iugoslavia unida. Logo dividíronse, a Francia de Mitterrand por un lado, Alemaña e Italia polo outro. Cando estes últimos recoñeceron a Eslovenia e Croacia os demais tiveron que ir detrás, mentres Grecia armaba un balbordo polo nome de Macedonia.

Os tratos entre a RFA e a vella Iugoslavia viñan de lonxe. Esta mantiña máis relacións económicas coa primeira "na que traballaban miles de emigrantes – que cos países do CAME. É verdade que eran maiores con Eslovenia e Croacia pero non é menos certo que eran as zonas máis desenvolvidas e polo tanto as máis atractivas para os investimentos alemáns. Alemaña non necesitaba a fragmentación da República Federal Iugoslava para asegurarse a influencia económica nunha área que xa controlaba.

Son factores endóxenos os que explican o estoupido iugoslavo. A situación económica é crítica en 1989: inflación do 2.665%, débeda externa enorme, economía somerxida superior ao 40%, nivel de vida caendo en picado, desequilibrios territoriais, etc; á que cumpre sumarlle a crise ideolóxica e política que levou á ruptura da Liga dos Comunistas en 1990 e a resurrección das perversións históricas que corenta anos de vida en común non lograran facer esquecer.

O fracaso imperial

O terceiro desastre foi, e segue a ser, o da política da potencia imperial única dende comezos da década. Vencedores da Guerra Fría os EE UU non souberon administrar a victoria e caeron na frecuente tentación de humillar ao vencido. O xendarme de occidente converteuse en policía do mundo. Unhas veces directamente outras buscando a lexitimación da ONU e cando as cousas non lle conveñen cambia ao Secretario Xeral ou ignórao e substitúe ao teórico goberno do mundo pola submisa OTAN.

A intervención militar da OTAN en Iugoslavia non só carece de lexitimidade senón que é ilegal sen o respaldo de Nacións Unidas. Aínda máis a intervención pode, está a crear, un problema maior do que teoricamente tenta resolver, non axuda a deter a guerra nin a masacre de kosovares senón que agrava ámbalas dúas cousas. Non só por estar mal planificada e non prever as consecuencias senón porque carece de obxectivos. ¿Qué pretende? A independencia do Kosovo, a integración en Albania ou a restauración da autonomía. Se esta última é a finalidade, semella evidente que non se pode obrigar a Serbia a restaurar a autonomía kosovar para logo deixar aos kosovares en mans dos serbios. A non ser que se elimine o réxime de Milosevic, propósito ben complexo tanto desde o punto de vista militar como político xa que este conta cun amplo apoio popular que aumentou aínda máis dende o comezo dos ataques.

A non ser que o que se pretenda, en última instancia, é salvar de novo ao réxime expansionista de Belgrado coa partición do Kosovo deixando un anaco limpo de albaneses onde se poidan instalar os refuxiados de Croacia e ampliar o protectorado americano de Albania.