O Kosovo, un conflicto con fondas raíces

Apartados xeográficos ARQUIVO Balcáns
Idiomas Galego

Nos escasos 10.887 Km2 do Kosovo, que se estenden pola montañosa zona central da península balcánica, principiaron os continuados conflictos que enterran as súas fondas raíces ata 1389, ano no que o exército serbio é derrotado fronte ao Imperio Otomán. A soberanía desta escasa franxa de territorio é cobizada con argumentos xurídico-políticos, tanto por serbios coma por albano-kosovares.

Serbia basea a súa reivindicación territorial en teses históricas e relixiosas. Dende a mitificada batalla de xuño do 1389, seculares ondas migratorias de serbios emigran cara ao norte, abrasados pola presión impositiva e relixiosa dun imperio otomán que os coaccionaba para mudaren de relixión. Dende entón o Kosovo é considerado o selo de denominación de orixe da Serbia medieval o símbolo da tráxica perda da liberdade, o berce da nación e da igrexa ortodoxa serbia. Nesta franxa se asentan un importante número de igrexas, mosteiros e monumentos ortodoxos.

Os albano-kosovares, argumentan que todas as unidades compoñentes da antiga Iugoslavia posúen os mesmos dereitos. Cando se esfarela a Iugoslavia Federal, todas as partes constituíntes poden decidir libremente o seu futuro. Ase mesmo, afirman que teñen habitado no Kosovo dende hai varios séculos, mesmo declarándose descendentes dos ilirios, asentados no Kosovo con anterioridade á chegada dos eslavos do norte. Por último se invoca a libre determinación das persoas e dos pobos. O seu actual esmágante peso demográfico, confírelles a potestade de organizarse social, política, cultural e relixiosamente.

Causa da disputada soberanía

No actual clima de enfrontamento étnico existen factores determinantes que foron xerando sucesivos odios e seculares agravios:

A inexorable lei da demografía. Antes da diáspora de refuxiados, por mor da guerra, o 91% dos 2..000 habitantes do Kosovo eran de adscrición albanesa. A vitalidade demográfica e o acelerado ritmo de crecemento da poboación albanesa provocou a inquedanza serbia, non só pola situación da precaria debilidade da minoría serbia do Kosovo, senón porque, de seguiren esta progresión, poderían, mesmo, quedar en minoría étnica no ano 2020. O convencemento de que a guerra demográfica estaba perdida, fixo medrar o número de serbios confesos das opcións de limpeza étnica mediante expulsión ou xenocidio, para posteriormente planificar unha campaña de repoboación cos serbios desaloxados en operacións de limpeza étnica doutros puntos da ex-Iugoslavia.

O factor relixioso na terra sagrada dos ortodoxos. Quizais non sexa o desencadéante fundamental da actual crise, pero é un sinal de identidade que marca as diferencias nacionais. Mentres os albano-kosovares son maioritariamente musulmáns, a poboación serbia declárase ortodoxo-cristián. As repetidas profanacións de cemiterios e monumentos relixiosos serbios acenden e alporizan as paixóns revanchistas.

A situación económica. A crónica pobreza do Kosovo é un axente desestabilizador. Esta terra posúe "records" en desemprego, emigración, subemprego e analfabetismo. Ten sido a entidade da ex-Iugoslavia cun menor nivel de desenvolvemento no período federal, non deixou de perder posicións a medida que pasaban os anos como membro da República Federal. Dende 1990, máis de 400.000 albaneses teñen emigrado cara a Macedonia ou a países europeos fuxindo da depresión económica, do desemprego -que afogaba ao 50% da poboación activa. Os abondosos recursos minerais en chumbo, cinc, carbón…, fai que sexa especialmente cobizada a zona setentrional.

O crecente enfrontamento étnico. Entre 1982 e 1992, perto de .000 persoas, maís dun tercio da poboación, teñen sido detidas ou retidas pola policía, 52.000 casos de torturas teñen sido rexistrados. Milleiros de traballadores pasaron pola cadea e acabaron sendo condenados a penas de entre 30 e 60 días. Facer o signo da victoria, ter unha casete de música popular, posuír unha foto dun líder político-social ou un exemplar dun xornal albanés pode servir de pretexto para unha detención.

O comezo da década marca un cambio cualitativo na sociedade e son evidentes os indicadores dunha gradual segregación racial. O sistema de "apartheid" baseouse no control do aparato político-administrativo e policial en mans de algúns do 200.000 serbio-kosovares que copan o goberno, que cernan os dereitos culturais, institucionais, sociais, políticos, individuais e colectivos do 90% da cidadanía.

O carismático intelectual, Ibrahin Rugova, é electo presidente en maio do 92, nun referendo masivo, que non foi recoñecido por Belgrado. O alcumado Gandhi dos Balcáns e os seus colaboradores poñen en marcha un proceso de resistencia pasiva e pacífica creando un contrapoder de administración paralela con policía, ensino, sanidade, xustiza e mesmo facenda propia. "O lapis é a mellor arma" convértese no lema da súa acción política.

Os desiguais contrapoderes do Estado Oficial Serbio e do paralelo albano-kosovar, incrementaron a intolerancia e o crecente odio étnico.

A aparición do Exército de Liberación de Kosovo (UCK en albanés). Logo de seis anos de infructuosa resistencia pasiva, o ELK representa un novo acelerón na espiral pre-bélica. Os insatisfeitos sectores radicais, se distancian da estratexia de I. Rugova e avogan polo enfrontamento armado. Os resultados da guerra de Bosnia, nos que os botíns territoriais conquistados polas limpezas étnicas de diverso signo, foron premiados pola comunidade internacional co recoñecemento das novas fronteiras, propiciou a creación do ELK no 93, que vai pasar a acción dende febreiro do 96. A escalada violenta principia con bombas e culmina no enfrontamento armado co exército serbio durante o ano pasado. O noticias da crueldade dos enfrontamentos dos asasinatos colectivos, da brutal represión do exército, as imaxes dos refuxiados fuxitivos vagando polas montañas do sueste europeo impactan nas opinións publicas das sociedades occidentais. Só, nesta altura, considerouse chegado o momento da intervención.

A comunidade internacional non interpretou, a tempo, a fondura da crise dos 90 nos Balcáns.

No caso de Kosovo, a parálise da diplomacia internacional foi total. Unha década de supresión dos dereitos constitucionais, de estado de excepción e de resistencia pasiva, non serviron para abrir as mesas de negociación. Só a irrupción violenta do ELK e a conseguinte represión serbia foron quen de forzar a intervención da comunidade internacional cando a situación xa era crítica. Mentres as potencias aproveitaron o tempo para ir gañando posicións xeoestratéxicas nunha zona quente, beneficiándose da debilidade da Rusia post-comunista, tradicional aliada dos gobernos serbios.

A precipitada, arbitraria e drástica opción bélica, a destempo, rematou por desestabilizar política e economicamente uns Balcáns, que precisan dun urxente "plan de estabilidade" con cifras billonarias.

Desprezable guerra humanitaria, que arrastrou, na súa inmensa maioría, a víctimas civís.