¿O novo Bolívar?

A aplastante maioría acadada o pasado domingo por Hugo Chávez nas eleccións á Asemblea Constituínte evidencia o gran poder de convocatoria do ex-xeneral golpista. O nacionalismo e a belixerancia coa política neoliberal son os principais eixes do seu proxecto. Admirador do Che Guevara, recibido por Fidel Castro na Habana con todos os honores, Chávez personifica na Venezuela de hoxe a esperanza dos desesperanzados que neste país suman case un 80% da poboación. Entre os sectores que o apoian están as barriadas máis humildes de Caracas, numerosos curas da Teoloxía da Liberación, algúns sectores da esquerda revolucionaria venezolana e ex guerrilleiros dos anos setenta, como o mítico Douglas Bravo. Nunha entrevista concedida ó xornalista Heinz Dieterich definíase a si mesmo como un "revolucionario anti-oligárquico, amigo de marxistas e de principios bolivarianos". En suma, un híbrido sui generis en busca doutra terceira vía de desenvolvemento que xurda da propia historia e das propias raíces. A ampla lexitimidade democrática acadada nas urnas permitiralle proseguir a súa revolución pacífica demolendo unha a unha as vellas estructuras. ¿Ata donde?O discurso de Chávez apunta nunha dobre dirección: fonda renovación do sistema e modificación dos patróns de comportamento a todos os niveis. Todo menos continuismo.

Desencantados dos efectos da política neoliberal, en América Latina emerxen novamente voces de renovación, benintencionadas á hora de reivindicar a sempre pendente revolución social pero con inocultables riscos autoritarios que habitan na controvertida ambigüidade do populismo. Neruda dicía que Bolívar desperta cada cen anos, cando a cidadanía xa non pode máis. Para moitos, non soamente en Venezuela, Chávez simboliza esa ilusión de cambio para América Latina, apuntando cara un século XXI que debe ser necesariamente distinto.