O novo Reino Unido

Coa constitución do Parlamento escocés e da Asemblea de Gales, o Reino Unido da un paso de xigante para a configuración dunha nova arquitectura institucional. Como é sabido, un dos eixes fundamentais do programa do Novo Laborismo de Tony Blair é a “devolution” de poderes a Escocia e Gales, proxecto visiblemente inseparable da reforma da Cámara dos Lores, da creación da figura do Alcalde electo do Gran Londres e da normalización da vida política en Irlanda do Norte. É un complexo esquema que, a grandes rasgos, vai confluir na creación do Consello das Illas, que, á súa vez, contempla a participación non soamente do Parlamento de Stormont senón tamén do propio goberno do Eire.

Fronte ó decepcionante continuismo respecto a gabinetes anteriores en tantas outras políticas (exterior, económica,social, etc), é neste ámbito institucional que se vislumbra un claro punto e aparte respecto á política do Partido Conservador. Se o proxecto autonómico laborista fracasou no seu primeiro intento (en 1977), e tamén no segundo (en 1979), desta vez, ten serias posibilidades de culminar exitosamente. Os referendos de setembro do pasado ano, lexitimaron, sobre todo en Escocia, o respaldo social desta nova xeira que presenta ademais unha novidade substancial no réxime electoral británico, a posibilidade de obter representación polo sistema proporcional.

O status de ambas autonomías vai ser diferente como diferente é a influencia social dos respectivos movementos nacionalistas. Escocia, que se uniu voluntariamente con Inglaterra en 1707, contará cun Parlamento dotado de maior capacidade e proxección política. Ademais de facultades na orde lexislativa, disporá tamén de poderes fiscais, se ben limitados. A Asemblea galesa, con sede en Cardiff, unicamente vai dispor de poder regulamentario e non lexislativo. Nos comicios do pasado 6 de Maio, os nacionalistas escoceses obtiveron un excelente resultado (un tercio dos escanos), mentres que, en Gales, aconteceu outro tanto. O Playd Cymru medrou a custa dos laboristas pero en ambos os dous casos, conservan unha hexemonía irrefutable.

Abrese pois unha nova etapa na vida política británica que non deixará de ter consecuencias no ámbito europeo. Cardiff, e sobre todo Edimburgo, miran cara a Bruxelas e a pesar de que será Londres quen ostente a representación das Illas perante a Unión, habilitanse espacios que tentarán afondarse tanto para afortalar o incipiente movemento rexionalista europeo como a representación e defensa directa dos seus intereses no ámbito comunitario. Escocia vai dar moito que falar nos próximos anos.