¿O Reino desunido?

O proceso de descentralización que vive o Reino Unido non defrauda a peculiar idiosincrasia británica. En primeiro lugar, a "devolution" non é tal, pois implica, igual que aquí, cesión ou transferencia de competencias dende Westminster a Edimburgo ou Cardiff, pero non se lle está a devolver a ninguén o que noutro tempo tivo. Cuestión evidente no caso galés pero igualmente no escocés. O proceso actual nada ten que ver coa situación vixente ata 1707, ano en que se produce a unión voluntaria con Inglaterra e que determina a liquidación das súas institucións soberanas. Ademáis, responde a estratexias pontuais que, se ben obvian a apertura do debate sobre o conxunto da arquitectura institucional do Reino (non se aborda, por exemplo, a cuestión de Cornualla, dos condados do Norte ou da propia Inglaterra), particularizan e concretan fórmulas que, doutro xeito, aplicadas uniformemente, redundarían no tan denostado "café para todos". Asi, sen facer mención ningunha de dereitos históricos, Escocia, a diferencia de Gales, contará con poderes fiscais e capacidade lexislativa propia, pero ambas deberán confluír no mesmo Consello das Illas que dará cabida a Irlanda do Norte e ó goberno de Dublín.

¿Todo baixo control? Inicialmente, a intención de Blair consiste en revitalizar o vello proxecto autonómico laborista tanto para encarreirar as demandas nacionalistas, especialmente fortes en Escocia, como, sobre todo, para garantirse en maior grado unha cómoda maioría en Londres. Pero este novo marco e o medre e consolidación do voto nacionalista (outra vez, Escocia) van permitir un xogo político moito máis amplo e descoñecido ata hoxe. A fluídez desta situación no actual contexto europeo pode abrir camiños que a historia, noutro tempo, pechou.