Pinochet, ¿doente imaxinario?

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Dende hai meses en círculos próximos a Pinochet circulan patéticos rumores que van dende aqueles que lle aseguran unha efémera esperanza de vida de só tres meses, ata os que falan dunha profunda depresión que o consume paseniñamente. O sábado, cando se cumpría un mes do arresto do ex-dictador, circularon intensos bulos sobre unha situación crítica na saúde do senador vitalicio.

Fontes diplomáticas consultadas polo xornal Chileno La tercera, atribuíron estes rumores a unha estratexia mediática deseñada polo empresario suízo Peter Shaad.

Na embaixada chilena en Londres considérase que este tipo de estrataxemas prexudica as xestións diplomáticas que está a levar o governo Frei para unha saída humanitaria ao caso Pinochet. A burda manobra de Peter Shaad, empresario suízo e amigo persoal do ex-dictador, só dificulta as difusas espectativas dunha pronta decisión por parte de Jack Straw. O Ministro do Interior está ao día sobre a precaria saúde do dictador por medio dos informes médicos que lle remite Scotland Yard.

Tanto a embaixada chilena en Londres, como o governo británico teñen detallada e permanente información sobre a longa lista de doenzas do octoxenario senador vitalicio. Ambos son coñecedores do seu episodio isquémico transitorio que lle pode ocasionar un accidente vascular encefálico en calquera momento. Saben da súa presbiacucia que lle obrigou a instalarse un audífono interno do ano 1993, pero que cada vez acusa unha diminución da agudeza auditiva e provócalle un illamento depresivo. A osixenación dos seus pulmóns complícase cando se lle inflaman os bronquios nun proceso asmático. É coñecida a rotura dun dos discos intervertebrais que se debilitan a causa da idade, e que foi a razón da súa viaxe inicial a Londres para operarse. Tamén están enteirados da artrite que padece no seu xeonllo esquerdo que o ten moi minguado nos seus movementos. Embaixada e governo británico posúen informes do doutor Loxton, da confianza de Scotland Yard, nos que se detallan outras enfermidades coma venas varicosas superficiais, unha hernia inguinal esquerda, unha hiperplasia prostática benigna, unha enfermidade aurículo-ventrícular que lle provoca mareos, vértixe e desmaios, un bocio tiroide multinodular que lle produce arritmia e un aumento da presión arterial, unha rinite, unha diabete Mellitus tipo II que lle ocasiona unha alta concentración de azucre no sangue e unha maior vulnerabilidade ás infeccións. Como efectos secundarios da diabete padece unha neuropatía que dana o sistema nervioso, unha retinopatía que lle dana a retina e diminúe progresivamente a agudeza visual e una nefropatía pola que os riles non filtran normalmente e poden provocar a medio prazo unha insuficiencia renal.

Existen, por tanto, suficientes motivos para unha saída cara Chile por razóns de saúde, non é preciso facer esaxeracións grotescas. O principal obstáculo non está nos argumentos médicos, senón na decisión do ministro Straw de non interferir con decisións políticas mentres existan procedementos xudiciais en curso.

Os males de Pinochet non rematarán en Londres. No seu país e segundo un inquerimento do CERC, cada vez son máis os chilenos que desexan que volte canto antes a Chile (59%), pero tamén existe un crecente número dos seus compatriotas, un 71% que aproba a detención de xulgamento de xenerais ou militares que participaron na violencia institucional da dictadura.