Pinochet na Habana

Litixios e contenciosos de diversa naturaleza complican a axenda dos países que neste mes de novembro reuniranse na capital cubana nunha nova edición do Cumio Iberoamericano. Salvo imprevistos de última hora, cinco xefes de Estado (Arxentina e Chile, Nicaragua, Costa Rica e Honduras) non participarán neste importantísimo foro, delegando a súa representación nos respectivos ministros de asuntos exteriores.

A extraña alianza entre Eduardo Frei, presidente de Chile, e Carlos Menem, arredor do rexeitamento da intervención da xustiza española e británica no procesamento do ex-xeneral Augusto Pinochet, resulta cando menos, paradoxal. Sobre todo tendo en conta que Margaret Thatcher, a ex primeira ministra británica, no seu encendido alegato en defensa do dictador, alude reiteradamente ó decisivo papel desempeñado pola loxística militar chilena na derrota de Arxentina no conflicto das illas Malvinas. Facendo borrón e conta nova daquel lamentable episodio, Menem aliñase coa posición chilena para rexeitar esta versión doce do chamado intervencionismo humanitario. Non menos paradoxal resulta que a unha idéntica conclusión (se ben camiñando por sendeiros distintos) poida chegar a diplomacia cubana que insiste en reivindicar a soberanía nacional como un valor supremo. Un posicionamento similar a prol de Indonesia no conflicto de Timor Leste obrigou recentemente ó chanceler cubano, Alejandro González, a suspender a súa visita a Lisboa. As ausencias dos restantes xefes de Estado obedecen a imperativos de orde bilateral.

Oficial e informalmente, a extradicción de Pinochet estará sobre a mesa neste novo cumio, como xa foi obxecto de controversia na reunión de Porto do pasado ano. Pero non será o único diferendo. A radiografía política do hemisferio é pouco reconfortante. A normalidade electoral (comicios en Arxentina ou en Guatemala), sumánse algunhas diferencias bilaterais que van in crescendo (Venezuela-Colombia), nun contexto de progresivo agravamento das tensións económicas e sociais como resultado das carencias das políticas tradicionais pero tamén dos desastres naturais que azoutan toda a zona (Centroamérica, México ou Colombia). Noutro plano, as pugnas entre Arxentina e Brasil paralizan o Mercosur ata o punto de estancar os preparativos para establecer un réxime común do mercado do automóbil e a definición dunha posición conxunta de cara ás negociacións coa Unión Europea.

A posición de Madrid neste escenario resulta cada vez máis incómoda e as grandes empresas de capital español intentan subvertir con medios e estratexias propias as insuficiencias e ambigüedades da política exterior estatal. Esa carencia de programación estratéxica debe ser obxecto de consideración a nivel subestatal cando, como é o caso, unha nova xira presidencial vai camiño de Brasil, Guatemala e Costa Rica. América Latina é unha aposta de futuro, un concepto, por forza, inimigo da espontaneidade.