Previsible avance da extrema dereita en Austria

As lexislativas do 3 de outubro poden confirmar as previsións de intención de voto que anuncian un importante avance do ultradereitista Partido Liberal (FPÖ) de Haider que podería converterse deste xeito na segunda forza política do parlamento austríaco. Coas súas proclamas racistas contra os inmigrantes procedentes do Leste, tense consolidado como referente político para os sectores con niveis máis baixos de ingresos da clase traballadora austríaca e máis ameazada polo desemprego.

Austria con case 8 millóns de habitantes conta con preto de .000 estranxeiros, a maioría procedentes da antiga Iugoslavia, Turquía e outros países do Leste europeo. Destes, medio millón establecéronse no país nos últimos 15 anos. O importante número de inmigrantes teñen provocado mutacións no mercado laboral e xerado certos temores nos barrios máis desfavorecidos onde se establecen. Neste ambiente, e baixo a ameaza de que co tempo os inmigrantes remataran por comerse os postos de traballo dos austríacos, é no que o Partido Liberal de Haider ten baseado o ascenso electoral que ven coñecendo nos últimos anos e que pode convertelo na segunda forza do parlamento despois das lexislativas do 3 de outubro.

O FPÖ, cun discurso similar ao da Fronte Nacional de Le Pen e un estridente líder que non dúbida en empregar calquera caste de manexos para xuntar votos, presenta unhas candidaturas nas que deportistas ou estrelas da TV. ocupan postos relevantes e poden arrastrar a aqueles cidadáns indecisos que se identifican máis con figuras mediáticas que cos políticos tradicionais, nunha calculada estratexia de arrincar votos da abstención. Ao mesmo tempo, coa terminoloxía racista pretende asegurarse o apoio dos sectores máis desfavorecidos do proletariado das grandes cidades, que lle teñen volto as costas aos socialistas, e da xuventude ameazada polo paro.

Dende hai trece anos Austria está gobernada por unha macro-coalición entre o Partido Socialista (SPÖ) que leva no poder trinta anos mais que non consegue unha maioría absoluta dende os tempos de Bruno Kreiski, e o Partido Popular (ÖVP), que semella incapaz de deter a continua perda de apoio nas urnas.

Se o FPÖ superase ao ÖVP nas vindeiras eleccións, como auguran as enquisas, estes últimos teñen anunciado que pasarán a oposición co que o SPÖ tería que gobernar cunha exigua minoría estimada nun 35%. As mesmas prospeccións electorais anuncian sobre un 27% para o FPÖ e un 23% para o Partido Popular. A inestabilidade podería presidir a vida política austríaca na próxima lexislatura cun goberno minoritario e unha oposición encabezada por un partido neofascista.