¿Quen chora por ti, Arxentina?

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Con tres folgas xerais, de crecente éxito, o Presidente De la Rúa achégase ao seu primeiro ano de mandato. Son moitos os arxentinos que abatidos polo desencanto, ven no Presidente unha prolongación do anterior inquilino da Casa Rosada ata o punto de denominalo “O Ménem Loiro”.

O termómetro da popularidade do Presidente baixou do 71% ao 34% en menos dun ano. O sobrenome de a “Terra da oportunidade”, tan identificado coa Arxentina, aparece coma burlesca esaxeración, desmentida pola crueza do día a día. O país dispón de tal cantidade de cereais, gandería, minerais, productos enerxéticos… que resulta difícil de comprender o que lle acontece a este xigante empequenecido do Mercosur.

O “milagre Ménem” só durou un lustro. O crecemento da economía foi espectacular. Amarrou a descomunal inflación atando o peso ao dólar e gozou de saborosos ingresos pola privatización de empresas públicas. Ao tempo, impulsou un populismo fiscal que diminuíu a importancia dos impostos directos na estructura fiscal. Era o trunfo total do neoliberalismo.

Dende México chegou o Tequilazo do 94 que sacudiu toda América Latina, pero que se cebou especialmente coa burbulla Arxentina, artificiosamente inflada. Cando o Estado deixou de ingresar 40.000 millóns de dólares anuais por privatizacións que se volatilizaban sen deixar rastro; cando se elevaron as taxas de intereses dos cretos internacionais, incrementando a carga da pesada débeda; cando o dólar disparou o seu valor e levou atado ao peso ata lugares pouco competitivos con prezos inalcanzables para os arxentinos e disuasorios para o comercio internacional ou para o turismo; cando a economía arrefriou e diminuíron os ingresos…Arxentina foi achegándose a paso lixeiro cara ao precipicio da suspensión de pagamentos. O cóctel de populismo social mesturado con política neoliberal que pretendeu a “Revolución Productiva”, acabou en naufraxio económico.

Debilitado Ménem, desacreditado pola escandalosa corrupción, a malversación e o clientelismo non foi quen de adelgazar a rede populista e clientelar de servicios sociais.

Cansos de ir de ineficaz axuste, en inútil axuste, os arxentinos quixeron un cambio radical, especialmente os dous millóns de parados, os dous millóns de subempregados, os 14 millóns que viven loitando directamente contra da pobreza que para case 4 millóns é unha miseria extrema. De la Rúa era a esperanza dos desesperados, o contrapunto do neoliberalismo o contrapeso para reequilibrar os excesos do pasado, a diáfana luz da transparencia, a desexada chegada da honestidade…

A ilusión chegou en decembro do 99 e inundou o país. Ilusión que foi fuxindo por múltiples furados: as reformas laborais, o escándalo da compra de senadores opositores para aprobar as reformas, a diminución dos salarios dos empregados públicos que gañasen máis de 1000 dólares mensuais, o axuste fiscal, os recortes sociais,o fin do sistema de xubilación solidario, anulación da prestación básica universal para os xubilados, incorporación da menciña privada ás prestacións sociais, aumento da idade da xubilación para as mulleres ata os 65 anos.

De la Rúa asegura ter só dúas opcións: ou aumentar a presión fiscal, ou reducir as prestacións sociais, ou… ambas as dúas. A inestable coalición gobernamental vota man da contundencia policial. Ameaza con ilegalizar as folgas, descualifica ao movemento sindical por violento acusándoo de votar leña ao lume agora, cando antes puxeron panos tépedos na década de Ménem. Axita a pantasma da conspiración urdida dende grandes grupos económicos, e di ter a responsabilidade de evitar a creba do estado.

A teoría da fatalidade de ser arxentinos se consolida. América Latina olla con preocupación a convalecencia arxentina, mentres chora polas esperanzas de reactivación que se esvaecen.