Relevo no nacionalismo escocés

Na pasada semana o SNP celebrou o seu congreso anual. No mesmo produciuse a substitución de Alex Salmond, quen liderou o partido na última década, por John Swinney. O novo Secretario Xeral representa a continuidade do proxecto de Salmond. O sector partidario dunha maior énfase nos postulados independentistas logrou un importante apoio na cita congresual.

John Swinney, o candidato que contaba co apoio de Salmond, acadou 547. Mentres, o deputado Alex Neill, quen encabeza o sector partidario de afondar nos postulados nacionalistas do partido, logrou 268.

No discurso de toma de posesión, o novo Secretario Xeral sinalou que é o primeiro dirixente que se enfronta ao reto de conducir o partido ata o goberno e a Escocia cara a independencia. John Swinney, un economista de 36 anos, afirmou a súa intención de continuar o labor de Alex Salmond, co que viña colaborando estreitamente nos últimos anos, ao tempo que se comprometeu a fomentar o debate e manter a unidade do partido, deixando claro que este terá unha soa voz. Na súa intervención non deixou de reclamar que o partido actúe con realismo e demandou o apoio dos distintos sectores sociais escoceses.

Na hipotética fractura interna quixo facer fincapé o Ministro para Escocia do Goberno de Londres, John Reid, quen non deixou de sinalar que un tercio dos delegados prestaran o seu apoio a Alex Neill.

Cumpríronse xa tres anos, o 11 de setembro, do triunfo maioritario do "si" no referendo que permitiu a "devolución" a Escocia de órganos e competencias de goberno despois de trescentos anos sen autogoberno. En maio de 1998 celebráronse as eleccións ao Parlamento Escocés que está constituído por 56 representantes do Partido Laborista, 35 do Partido Nacionalista Escocés, 18 do P. Conservador, 17 do P. Liberal e tres independentes, un deles do Partido Socialista Escocés.

Na sección Texturas da páxina do IGADI pódese consultar o interesante traballo do noso colaborador Fernando Pérez-Barreiro Nolla: "As autonomías de Escocia e do País de Gales: historia, riscos e oportunidades".