Rematan as manifestacións estudiantís en Teherán

As protestas dos universitarios na capital iraniana remataron despois da reacción dos sectores que apoian ao líder relixioso Khamenei, encabezados polo clero máis conservador que acusaban aos estudiantes de estar manipuladas polos inimigos da revolución islámica e polos EE UU. O presidente Khatami veuse atrapado entre os estudiantes que solicitaban o seu apoio e os sectores máis tradicionalistas do réxime que lle esixían unha condena sen paliativos da revolta. O presidente condenou as protestas e solicitou que se detivesen as mesmas, como así sucedeu. O que aconteza cos numerosos detidos e os resultados das videiras eleccións de febreiro ao Parlamento van condicionar o futuro político do Irán e da revolución islámica.

O triunfo de Katami nas presidenciais e o posterior éxito dos seus partidarios nas municipais supuxo un importantísimo respaldo as teses reformistas. O presidente conta cun amplo apoio popular que podería verse consolidado de obter un importante triunfo nas vindeiras lexislativas.

Vinte anos despois da revolución, a sociedade iraniana ten mudado substancialmente. Khatami considerase un continuador da mesma e coida que compre introducir as mutacións necesarias para que o sistema sobreviva. Os cambios van na dirección de promover un maior protagonismo da sociedade, establecendo con claridade as relacións entre relixión e política, vida privada ou institucións democráticas. O seu sería un “islamismo de rostro humano”, parafraseando a Dubcek. Como o líder checo do 68, Khatami chega ao poder dende dentro do sistema que intenta reformar, como aquel considera que as reformas son o mellor xeito de manter os ideais. Dubcek foi esmagado polo “estancamento” briexnievano que ao final rematou tamén co socialismo.

A revolución nacida contra a occidentalización abafante do sha conserva aínda un gran consenso social. Unha gran maioría sigue pensando que a revolución estaba xustificada, que tiña aspectos positivos: maior xustiza social, máis dignidade, máis relación entre pobo e gobernantes, mais tamén que as reformas son necesarias. O apoio electoral a Khatami está fundado nesta percepción e no perigo do estancamento. Os próximos meses van ser transcendentais para o futuro da revolución.

O que sucede en Irán excede en moito as súas fronteiras estatais. Do mesmo xeito que a revolución de 1979 inspirou un amplo movemento de radicalismo relixioso que se converteu en elemento fundamental do que aconteceu ao longo destes vinte anos na escena internacional, un fenómeno novo pode estar xermolando. Agardemos que non sexa un movemento pendular contrario, senón diferente, que sen renunciar á tradición islámica incorpore elementos anovadores, que reexamine as relacións con Occidente afastándose tanto da vulgar e servil imitación como da confrontación permanente e introduza elementos democráticos na organización social. Os procesos abertos en Alxeria e Oriente Medio veríanse impulsados pola consolidación no Irán dos movementos reformistas e desactivar as teses belicosas, predominantes en influentes sectores da sociedade norteamericana, do “choque de civilizacións” mais doado.