Semana decisiva no Norte de Irlanda

O xoves cúmprese o novo prazo establecido por Londres para que as negociacións de paz no Ulster saian do atasco no que se atopan. Moito van ter que cambiar as cousas para que ese día se chegue a un acordo que non tire pola borda os esforzos de tantas xentes que dende hai anos veñen porfiando na construcción dun marco de relacións que permita a fin da violencia política no Norte de Irlanda.

O acordo de venres santo de 1998 establecía un período dun ano para a formación do goberno do Ulster con presencia de dous representantes do Sinn Fein. A negativa dos unionistas a aceptar a presencia dos republicanos mentres non se iniciase o desarme do IRA provocou a detención do proceso. O goberno de Londres ampliou o prazo ata o 30 de xuño e empregou todas as súas forzas, mesmo a intervención directa de Anthony Blair. Mais non conseguiu desentupir as negociacións. Londres deu unha nova marxe ata o 15 de xullo.

As posibilidades de que o xoves se chegue a un entendemento mínimo que permita salvar o xa deteriorado acordo de Stormont semella cada día menos doado.

O ambiente de receos mutuos que dominou o proceso de negociación ata agora veuse agravado polos desfiles "orangistas" e a queima de igrexas católicas. Nesta semana as marchas dos "homes vestidos de domingo" van continuar e pode suceder de todo.

As ameazas contra Gerry Adams por parte de membros do IRA, non son ningunha novidade mais aumentan a descrenza sobre a capacidade real do Sinn Fein de garantir o desarme do IRA, antes de maio do ano que ven. Os lideres republicanos, nomeadamente McGuinnes, teñen aclarado en moitas ocasións que Sinn Fein e IRA son organizacións distintas e que non son quen de imporlle ao IRA un desarme que se poida entender como unha rendición.

Pola contra os dirixentes unionistas insisten unha e outra vez en que IRA e Sinn Fein son o mesmo, en que Adams e McGuinnes son comandantes do Exercito Republicano e, xa que logo, son eles os que deben obrigar ao IRA a entregar as armas. Os receos unionistas afectan tamén a Ministra para Irlanda, Mowlan, á que acusan de favorecer aos republicanos.

O ultimato de Blair para o vindeiro xoves non ten moitos visos de concretárse nun avance nas conversas. De ser así o goberno de Londres tería que facer valer a súa autoridade e tomar decisións unilaterais para tentar salvar o proceso de paz. Adiar ata setembro as decisións non semella moi sensato; daquela o acordo de Stormont podería ser papel mollado.