Sorpasso no Leste de Alemaña

As eleccións do pasado domingo no land de Saxonia, na antiga RDA, non supuxo ningunha novidade a respecto do gañador, a dereita da CDU mantén a absoluta maioría cun 57%. Pola contra, entre a oposición, si se deron movementos electorais que confirman unha perda de apoio da coalición gobernante verde-socialdemócrata. O partido do chanceler Schröeder, perdeu seis puntos caendo do 16% ao 10%, mentres os seus aliados gobernamentais quedan fora do parlamento do estado federal ao non acadar o 5% necesario, igual que os liberais do FDP. Os votos da esquerda concentráronse en torno ao PDS que, dende un escaso 16%, chegou a superar o 22%. O máis significativo e que o continuador do vello SED consegue situarse, nalgúns länd do leste, como segunda forza política, superando ao partido socialdemócrata.

O dirixente socialdemócrata, Kunckel, manifestou que o éxito do PDS debíase a que se presentara como única formación defensora da xustiza social. Mentres, o gabinete presidido por Schröder insiste na necesidade de reducir o déficit público mediante o recorte de diversas prestacións sociais, segundo o deseño da denominada "terceira vía" da que ben sendo abandeirado xunto co "premier" Blair. Nesta política o goberno federal ten o apoio da oposición CDU/CSU e de todos os partidos presentes no Bundestag, agás o minoritario PDS que conta con 36 deputados. Mais nas eleccións de Saxonia cumpre tamén sinalar a influencia das distintas estratexias electorais seguidas por cada unha das forzas de esquerda que partían de posicións semellantes. Fronte á proposta de colaboración feita polo PDS os socialdemócratas responderon afastándose o máis posible dos ex "comunistas.

O fracaso electoral do pasado domingo é un máis dunha serie de derrotas que están a recoller o do SPD e Os Verdes nos últimos días, once meses despois de teres proclamado flamantes vencedores da coalición de dereitas encabeza por Helmunt Kohl. A semana anterior o PDS xa superara, por primeira vez, cun 21,4% aos socialdemócratas (19,7%) nas eleccións de Turinxia gañadas con maioría absoluta pola CDU. Mentres, no oeste, as eleccións parciais en diversos municipios supuxeron varias derrotas para o SPD. Este "setembro negro" do SPD, comezara coa perda da maioría absoluta que ostentaba no land de Brademburgo e o aínda máis doloroso, ter que abandonara o goberno do Sarre, feudo tradicional do ex "dirixente Oskar Lafontaine que abandonou o seu cargo de Ministro de economía e a dirección do partido, por discrepancias co chanceler poucos días antes do comezo dos bombardeos da OTAN sobre Iugoslavia.

Se as derrotas socialdemócratas son observadas con profunda preocupación so seo do partido, no caso dos Verdes a situación presentase en termos de supervivencia. Os resultados para estes foron tan graves que o ministro de Exteriores, Joschka Fischer optou por aprazar a viaxe para asistir a Asemblea Xeral da ONU e poder estar presente na xuntanza da dirección dos Verdes a celebrar en Berlín.

Mentres Schröder se reafirma na política de recorte das prestacións sociais, co beneplácito da CDU, moitos electores alemáns empezan a pensar que esta faríaa moito mellor a CDU, e outros que cumpre unha esquerda que manteña un criterio social e provoque o retorno do SPD aos seus sinais de identidade tradicionais. O traslado da chancelería a Berlín e os avances electorais dos continuadores do SED devolven protagonismo ao Leste alemán pouco antes de que, o nove de novembro, se celebre o décimo aniversario da caída do muro, inicio dunha apresurada unificación que está a provocar serios desaxustes sociais na Alemaña de hoxe.