Timor Leste, un Kosovo de 24 anos

Apartados xeográficos Nacionalismos ARQUIVO
Idiomas Galego

Hai dúas semanas o lider da resistencia timorense Xanana Gusmao fixo un chamamento á insurreción popular e a unha nova ofensiva das FALINTIL (guerrilla timorense) ante as matanzas que as milicias paramilitares indonesias e o propio exército indonesio levaron a cabo en Liquença e outras zonas da pequena ex colonia portuguesa; matanzas que supoñen unha seria quebra da esperanza xurdida a finais do ano pasado, coa caída de Suharto, de canalizar un conflicto sanguento (o 30% da poboación-máis de duascentas mil persoas- morreron dende que a Indonesia invadíu o Timor Leste a finais de 1975) por vias non violentas e a través da negociación.

Ben é certo que, a pesar das declaracións de dirixentes do goberno indonesio e mandos das forzas armadas, a prol do recoñecemento ao pobo de Timor Leste do acceso a unha autonomía máis ou menos amplia e a posibilidade mesmo de exercer o dereito de autodeterminación, o exército indonesio e os grupos paramilitares, armados e apoiados por Iacarta ( por exemplo, a Apodeti), seguiron a exercer unha brutal represión sobre o pobo Maubere. A apertura do réxime (a excarcelación de Xanana Gusmao "que agora mesmo está en arresto domiciliario", o recoñecemento da existencia dun conflicto no Timor, anuncios de reducción do número de efectivos militares na zona ( 30.000 soldados indonesios están desplegados no Timor Leste), …) non se corresponderon cun cese da violencia e da impunidade na actuación da Indonesia nesa zona.

O Conselho Nacional de Resisténcia Maubere (CNRM), órgano coordinador da loita timorense, segue afirmando que a solución ao conflicto debe partir de tres puntos:

A loita do pobo Maubere en sí, que tras vintecinco anos de soportar unha brutal represión e un auténtico xenocidio, segue a apoiar a loita de liberación das Falintil (Forças Armadas de Libertaçâo Nacional de Timor Leste), e desenvolvendo numerosas accións de disidencia pacífica ante as autoridades de Iacarta na illa.

A loita pola democratización de Indonesia. Os propios líderes da resistencia maubere recoñecen que unha verdadeira solución ao problema timorense só será posible cunha maior democratización do Estado Indonesio.

A responsabilidade da Comunidade Internacional, sobre todo das Nacións Unidas . A concesión en 1996 do Premio Nobel da Paz a Ximenes Belo (Bispo de Dilí, capital do Timor Leste) e a José Ramos Horta (Dirixente da CNRM) afonda neste camiño. A ONU ten rexeitado e condeado en numerosas resolucións a ocupación indonesia. Asi mesmo, Portugal (ex metrópole de Timor Leste) está a involucrarse cada vez máis en apoio da causa maubere. Dende 1987 manten conversas con Indonesia sobre o futuro da zona. Anque é certo que Indonesia goza da vantaxe de ser o aliado privilexiado dos EEUU na rexión (non esquezamos que os propios EEUU fixeron a vista gorda ante as barbaridades indonesias xa que non desexaban un Timor Leste independente gobernado polos marxistas da Fretilin que supuxera "unha Cuba na rexión"), tamen é certo que no novo escenario da post-Guerra Fría é cada vez máis difícil ignorar a sanguiñenta ocupación do Timor. Xa non vale como xustificación a vella retaila indonesia de ser unha loita contra os " comunistas títeres de Moscova" da Fretilin (Frente Revolucionária de Timor Leste Independente, organización política da que xurdiron as Falintil).

Á resistencia timorense cómprelle que se inicie canto antes un proceso efectivo para solucionar o conflicto. Especialmente, ante a "exportación" por parte de Iacarta de poboación indonesia ao Timor (asegurándolles traballo fixo), que hoxe en día xa supón o 40% do total dos habitantes en Timor Leste, o que pervirtiría un hipotético referendo de autodeterminación. Pola súa banda, o goberno indonesio atópase nunha encrucillada:

-Se concede a autodeterminación, ou mesmo unha amplia autonomía, ao Timor poden producirse graves tensións cos "falcóns" do exército indonesio, así como, posiblemente, cunha parte da propia poboación indonesia que durante 25 anos foi aleccionada na versión de que a actuación en Timor era unha loita necesaria para frear ao comunismo "como a de 1965", e unha guerra santa contra o cristianismo anti musulmán.

-Sabe que a situación actual de represión e violencia non pode manterse moito máis tempo sen producir reaccións na Comunidade Internacional, e tamén é consciente de que non é posible "vender" ao mundo o inicio dun proceso de democratización, tras a caída de Suharto, sen dar unha solución xusta ao conflicto.

Calquera que sexa o escenario posible que xurda nos próximos meses, o labor da Comunidade Internacional é importantísimo para frear o xenocidio ( lembremos, repitamos: o 30% da poboación asesinada) na pequena illa de Timor Leste. Trátase, simplemente, de atender ás últimas declaracións de Zeca Afonso pouco antes de morrer: "Nâo esquezam Timor".