Todo por terra

Esváense as esperanzas dunha solución rápida, militar ou diplomática, á crise balcánica. Se os obxectivos iniciais da intervención da OTAN consistían en dobregar a Milosevic, restablecer os dereitos políticos da comunidade albanesa de Kosovo e habilitar mecanismos de diálogo para resolver as disputas e favorecer a convivencia pluriétnica, os resultados non poden ser máis desalentadores. Case un mes despois de iniciarse este duro castigo, Milosevic resiste aparentemente imperturbable, apenas quedan albaneses en Kosovo a quen "devolver" os seus dereitos, Rambouillet é letra morta e a lóxica militar imponse onde queira alentando os extremismos. Os kosovares, a poboación a protexer, son, unha vez máis, as principais víctimas.

Se diciamos ó comezo deste novo episodio da crise balcánica que, tal como se conduciran as negociacións de Rambouillet e os reiterados ultimatos, non quedaba máis saída para o Grupo de Contacto que a acción militar, agora compriría anunciar que tal como se ven desenvolvendo o conflicto, pese ás negativas públicas, todos os camiños conducen a unha invasión terrestre. O obxectivo dos bombardeos xa non é a aceptación por parte de Milosevic dos acordos de Rambouillet, senón a anulación da capacidade de resposta do Exército iugoslavo para pasar a un segundo nivel de enfrontamento co mínimo risco posible. Dende o punto de vista militar, os estrategas da Alianza queimaron todas as "fases" previstas inicialmente na súa escalada operativa.

Os discursos pronunciados nos últimos días por influíntes gurús da política exterior estadounidense abundan na idea dunha victoria contundente do "mundo libre", sen paliativos nin reparar en custes. O que está en xogo é a verificación, sen ambigüidades, da supremacía mundial, política e militar, de Washington; en definitiva, a culminación do proceso iniciado en 1991 coa guerra do Golfo e a disolución da URSS. O mandato de Clinton xa non será recordado polo caso Lewinsky. Nestas coordenadas, as iniciativas xermana ou grega para abrir camiños a unha solución diplomática que mitigue o neomatonismo americano dificilmente poderán consolidarse. O escepticismo dalgúns países europeos, habida constancia do enquistamento da actual política, das negativas repercusións dunha intensificación da guerra, e a comprensión última da necesidade de buscar solucións políticas, está desprovisto de vontade. O seu fracaso, sen tan siquera dereito a pataleo, evidencia a impotencia de Bruselas, soamente comparable á humillación de Moscova.

Asi as cousas, a amplísima operación de limpeza étnica impulsada por Milosevic, ademais de criminal, pode convertirse finalmente no seu maior erro estratéxico, pois será a principal motivación para xustificar a inevitabilidade dunha intervención terrestre. Os centos de milleiros de albaneses fuxidos de Kosovo e refuxiados nos países viciños non regresarán ós seus lugares de orixe se diante non van as forzas da OTAN. ¿Liberarán Pristina, Belgrado ou tamén Berlín?…