Ulster: regresa a esperanza

O 22 de maio era a data clave. Cumpríase o prazo acordado, hai dous anos, para iniciar o desarme. Tras sucesivas cancelacións, o pasado decembro púxose en marcha o goberno autónomo do Ulster. Posteriormente e ante a imposibilidade de cumprir as datas para o desarme, impostas unilateralmente por Trimble, Londres viuse na obriga de salvar ao líder unionista suspendendo, o 11 de febreiro, o goberno autónomo. Aparentemente a resposta tiña que vir do IRA. Mais tivo que ser Londres quen de novo tomase a iniciativa, co inestimable apoio de Dublín. O plano, feito público o sábado por Blair e Ahern, de restaurar as institucións autonómicas do Ulster, o 22 de maio, e atrasar, ata xuño de 2001, o comiso das armas, tivo unha resposta inmediata e positiva por parte do IRA. O Exercito Republicano fixo público un comunicado no que se comprometía a deixar "fora de uso" e dun xeito "completo e verificable" todas as armas.

Case unha década de conversas, intensificadas nos últimos dous anos con pactos escritos, non podían esborrallarse deste xeito. A paz está agora máis preto e a pelota sobre o tellado unionista.

A proposta de Blair e Ahern supón o atraso, ata xuño do 2001, dos prazos acordados o Venres Santo de 1998. O IRA recoñece o "cambio de contexto" e está disposto a permitir a inspección dalgúns dos seus arsenais en distintos momentos para poder comprobar que as armas permanecen en lugar seguro. Os labores de inspección poderían recaer no diplomático finés Martti Ahtissaari, que desempeñou un importante papel no remate dos ataques a Iugoslavia, e no ex secretario xeral do Congreso Nacional Africano, Cyril Ramaphosa. Ao tempo, a Comisión Independente para o Comiso das armas, presidida polo xeneral canadiano John de Chastelain, retomará as súas funcións e restablecerá os contactos co IRA.

A proposta dos dous gobernos tamén presenta un novo calendario. Amais de restaurar os órganos autónomos (Asemblea e Goberno) o 22 de maio; o 28 de xuño serán postos en liberdade os presos políticos que aínda non se acolleron ao indulto acordado en Stormont; en novembro entrará en vigor a reforma da policía (RUC) proposta no Informe Patten; en xaneiro de 2001 nomearanse os integrantes da Dirección Política de Irlanda do Norte, dous deles do Sinn Fein, que comezará a funcionar en abril ao tempo que se incorpora a primeira tanda do Servicio Policial que substituirá á RUC e finalmente en xuño de 2001 sería a data tope para a entrega de todas as armas. Pola súa banda o comunicado do IRA non pon ningunha caste de condicións agás a do cumprimento integro dos Acordos de Venres Santo.

Londres, Dublín, os laboristas de Hume e os republicanos do Sinn Fein déronse por satisfeitos. Os unionistas permanecen cautelosos; uns, os do Partido Unionista Democrático de Ian Paisley porque considéranse ao marxe do acordado en Stormont e non participan nas conversas, outros, os do UUP por que de novo teñen que resolver a papeleta. Trimble conta cunha escasa maioría no seu partido e o sector máis radical sigue a opoñerse á reforma da policía e a demandar algo interpretable como unha rendición do IRA. Mais o Ministro Principal, quen aínda que recoñeceu elementos moi positivos mantívose cauteloso, ten que devolver a Londres o favor que lle fixeron cando suspenderon as institucións do Ulster. O tempo vai na súa contra, terá que tomar a iniciativa e volver ao autogoberno.