monteagudo

Monteagudo, Henrique

É catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade de Santiago de Compostela e unha das principais referencias da sociolingüística galega contemporánea. Especializado en historia da lingua, normalización lingüística e pensamento galeguista, desenvolveu unha ampla traxectoria investigadora arredor da evolución social do galego, os procesos de estandarización e figuras centrais da cultura galega como Castelao, Rosalía de Castro ou Martín Sarmiento. Membro do Instituto da Lingua Galega desde 1981, foi secretario do Consello da Cultura Galega (1999-2010) e da Real Academia Galega (2013-2021), institución da que é presidente desde 2025. Dirixe tamén Grial. Revista Galega de Cultura e participou en numerosos proxectos científicos e culturais en Galicia e no ámbito internacional.


Artigos de Monteagudo, Henrique

Nós no Mundo 2026 — Acción exterior de Galicia  nun sistema internacional inestable

Liñas de acción exterior en política lingüística

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Liñas de investigación Paradiplomacia
A política lingüística ten unha obvia dimensión exterior (poderíase dicir internacional, pero exterior cobre un campo máis amplo). Descoñezo ata que punto existe unha estratexia global elaborada nese ámbito, pero, ata onde sei, só se teñen ofrecido propostas e levado a cabo iniciativas en aspectos concretos, como pode ser, poño por caso, a relación cos países de lingua portuguesa ou as cátedras / centros de estudos galegos en universidades de fóra de Galicia. Este texto non aspira máis que a chamar a atención sobre a necesidade desa estratexia global, apuntando algunhas liñas que parecen obvias e que precisarían ser traballadas, sen pretensións de esgotar o asunto. Máis ben todo o contrario, trátase de esbozalo.