Entrevista a Xulio Ríos: “España leva con moito atraso a materia asiática”

Apartados xeográficos China e o mundo chinés ARQUIVO
Idiomas Galego

-¿Crece en Galicia o interese por China?
-Creo que interesa cada vez máis en todas partes e Galicia non é unha excepción. Hai sectores económicos que observan en China unha oportunidade e un desafío. O propio presidente da Xunta, nunha das súas primeiras declaracións, destacaba a importancia de mirar cara China. E a nivel xeral, todos nos decatamos agora de que o futuro pasa por Asia e por China. Hai unha motivación económica importante. As cifras do seu crecemento nas últimas tres décadas son impresionantes e as expectativas, a pesar dos problemas, que os hai e son moitos, permiten pensar aínda en oportunidades de negocio. Claro que Galicia leva bastante retraso e non hai aínda estratexias claras e definidas ao respecto.

-¿Qué é o que máis atrae en Galicia de China?
-Creo que atrae, e sorprende, o seu éxito económico porque, en todo o demais, hai moito descoñecemento. A todo o mundo asombra que en poucos anos fose capaz de situarse onde está. Iso esperta interese e a curiosidade. A maiores, en sectores concretos pode haber intereses particulares relacionados coa medicina tradicional, a arquitectura, ou outros ámbitos. Pero esa transformación dunha economía planificada noutra mixta, que nos países do leste de Europa e na ex URSS derivou nunha caída tremenda do nivel de vida, en China non se deu. Esa experiencia é atraínte.

-¿O coñecemento que hai de China é inferior en Galicia que noutras zonas de España?
-España leva con moito atraso a materia asiática en xeral. Hai comunidades onde este proceso vai moito máis avanzado, caso de Cataluña. Non é casualidade que alí se instalase Casa Asia. Galicia debe dotarse dunha estratexia de país para achegarse a China. Do contrario, todo serán impulsos, moi loables, pero sen sinerxías e clareza nos propósitos é moi difícil obter éxitos en China.

-¿Hai moitos estereotipos falsos?
-Obviamente. É unha civilización distinta á nosa e a nosa ignorancia en moitos aspectos é moi grande. Por iso importa fomentar a comunicación e evitar as simplezas.

-¿Hasta qué punto están prexudicando á economía galega as famosas deslocalizacións?
-Polo momento non está afectando moito pero, insisto, non se debería esperar pasivamente a que iso aconteza. Deberiamos tomar posicións mais proactivas. Non se trata dos danos a padecer, senón das oportunidades a perder. Hai cousas que Galicia dificilmente pode evitar, por iso debe facer un cálculo das posibles ganancias a obter.

– ¿Que ten atopado vostede en China?
-A min interésame China dende hai moitos anos. Sigo con atención os cambios que experimenta este país e que, para min, presenta múltiples atractivos. É por iso que creamos o Observatorio de Política China no IGADI, co apoio de Casa Asia, e agora estamos coordinando a creación dunha Rede Iberoamericana de Sinoloxía.