20050531 peter mandelson

O gato con botas made in China

 Peter Mandelson, clic para aumentar
Peter Mandelson, comisario europeo de Comercio, propuxo excluír o calzado infantil e deportivo das restricións que a Unión Europea imporá a partires do 7 de abril ás importacións de zapatos de pel procedentes de China e Vietnam por vender debaixo do custe de produción.
 

“As acusacións de Europa de dumping e de danar o mercado carecen dunha base fiable” asegura Wang Shichun, director xeral do Ministerio de Comercio Exterior, que engadiu que “as exportacións de zapatos de pel procedentes de China non poden ser considerados dumping”. Wang declarou que non hai lexitimidade no feito de que a Unión Europea impoña impostos unificados a todo o calzado chino, xa que os produtos involucrados neste caso corresponden a 33 categorías de diferentes calidades e prezos.

Estas rotundas afirmacións son a resposta á pretensión da Comisión Europea de aplicar medidas anti-dumping (contra comercio desleal) ás importacións de calzado procedentes de China e Vietnam. A Comisión, órgano executivo da Unión Europea, argumenta que eses produtos están beneficiados por intervencións estatais que se plasman no financiamento a baixo prezo, moratorias fiscais, arrendamentos de terras sen suxeitarse as leis do mercado e irregularidades na valoración dos activos. As medidas consistirán nunha tarifa adicional de ata o 20%, que se introducirá de forma gradual durante 5 meses para non danar ós importadores.

Destas medidas Peter Mandelson, comisario Europeo de Comercio, propuxo excluír o calzado infantil e deportivo das restricións que a Unión Europea imporá a partires do 7 de abril ás importacións de zapatos de pel procedentes de China e Vietnam por vender debaixo do costo de produción. Mandelson explicou que aumentar os aranceis dos zapatos infantís “afectaría desproporcionadamente ás familias con nenos pequenos, e non favorecería ao interese público”. Polo que se refire as zapatillas de deporte, exclúense das medidas porque a produción europea deste tipo de calzado é insuficiente para que a industria comunitaria se vira prexudicada. Nembargantes portavoces de Guangdong consideran impensable que a Unión Europea eleve os actuais aranceis ás importacións de calzado de 4% a 20% en tan breve prazo.

Un grupo de fabricantes da suroccidental provincia china de Guangdong (antiga Cantón), estaban alerta desta eventualidade e oito deles crearon, a comezos de febreiro, unha alianza para defenderse xuridicamente e para protestar legalmente por posibles represalias da Unión Europea. A esta iniciativa incorporáronse outros 180 de todo o país. O volume de exportacións de calzado de Guangzhou, capital provincial de Guangdong, cara a Unión Europea, chegou a 30,89 millóns de pares só en xaneiro deste ano, cun valor total de 110 millóns de dólares, que representan incrementos anuais de 54 e 65 por cento, respectivamente.

Pero a alianza creada en Guangdong non está soa fronte a Comisión Europea, no cal inflúe no feito de que nesa provincia se fabriquen dous terzos dos zapatos deportivos que se venden en todo o mundo. Transnacionais como Adidas-Salomon, Puma e Clarcks xa protestaron ante a Unión Europea pola medida, namentres que Timberland, Kickers e Rockport pedíronlle á Comisión Europea exceptuar da alza do imposto a calzados cun valor inferior a 50 euros. Unha gran parte destas transnacionais teñen as súas factorías en territorio chino e calquera presión sobre eses produtos repercutirá nas súas gañancias.

Asociacións de Italia, España e Portugal informaron sobre a presentación de solicitudes á Unión Europea para frear as importacións de calzado procedentes do xigante asiático. Esta é a terceira vez que a asociación italiana solicita iniciar proteccionismo contra o calzado chino nos derradeiros seis meses. Eles sentencian con rotundidade que as importacións de China inundaron os seus mercados e danan as súas industrias domésticas. Este movemento é apoiado por compañías de Francia, Grecia e Polonia. Mandelson tivo palabras tanto para os países nórdicos, que cualifican a medida de proteccionismo, como para os países produtores do sur, como Italia e España, que aspiraban a medidas máis contundentes para protexer a súa industria. As medidas debes ser agora apoiadas pola maioría simple dos Estados membros.

Ante esta disputa, diversas opcións se formulan para a súa solución, entre elas a autolimitación por China das súas exportacións de zapatos. Ó respecto sinálase como antecedente que ese foi o recurso adoptado a mediados do 2005 para desbloquear varias decenas de millóns de confeccións téxtiles retidas nas aduanas europeas. Outra posibilidade sería que o goberno chinés impuxera tarifas á exportación de calzado para diminuír os embarques, segundo indicaron académicos de centros subordinados ó Ministerio de Comercio. Aquí saen a relucir outra vez os baixos costos da man de obra china e a devaluación do yuán, como dous aspectos deste novo litixio comercial intercontinental.

China afronta de novo outra crise comercial coa Unión Europea como xa ocorrera o verán pasado cando miles de prendas de roupa quedaran retidas nas aduanas europeas a espera dunha solución rápida e asumible por ambas partes. De novo os países europeos poñen trabas a un libre comercio cando ven prexudicados os seus intereses de maneira tan directa. China, que dende hai dúas décadas comezou un impresionante crecemento económico de arredor do 8% anual, atópase neste momento como a maior industria manufactureira de calzado do mundo, moi por diante de EEUU e Europa, e choca coas restricións impostas pola Unión Europea, o primeiro socio comercial de China dende o 2004.

Como no conto, o gato consegue facer fortuna, China logrará unha vez máis salvar os obstáculos e continuar o seu crecemento. Como afirmou Den Xiaoping “¿Qué importa que o gato sexa branco ou negro can tal de que cace ratos?”.