20060518 subhastas huachen retrato mao zedong

A subhasta de Mao

 Edificio CNOOC en Beijing, clic para aumentar
O cadro, co que se conmemoraba o primeiro aniversario da Revolución china, estivo presente en Tiananmen ata mediados dos anos sesenta e as súas reproduccións chegaron a todos os recunchos do país. (Foto: Retrato de Mao Zedong que será subhastado pola empresa Beijing Huachen Auction Co o vindeiro 3 de xuño).
 

Unha noticia publicada no Renmin Ribao (o Diario do Pobo) o pasado 18 de maio informaba da inminente subhasta dun retrato orixinal de Mao Zedong que estivo pendurado na Tribuna de Tiananmen. O óleo foi elaborado en 1950 por Zhang Zhengshi, elixido entre unha escolma de 30 profesionais dos mellores centros de belas artes do país, e hoxe considerado o mellor retratista de Mao. O cadro, co que se conmemoraba o primeiro aniversario da Revolución china, estivo presente en Tiananmen ata mediados dos anos sesenta e as súas reproduccións chegaron a todos os recunchos do país. O prezo de saída na subhasta é de 120.000 euros.

Pero dende que a noticia foi publicada, informaba o China Daily o pasado sábado, milleiros de correos electrónicos recibíanse no portal sina.com, para expresar a oposición a esta “irreverencia”, rexeitando a mercantilización dunha obra, considerada de gran valor histórico e artístico. Na China onde, segundo algúns, o mercado e o diñeiro semella poder con todo, non falta quen poña aínda a política por diante. Tamén aquí, Internet pode facilitar a liberdade de expresión e a mobilización civil, imposibilitada noutros eidos.

Non é un feito illado. Pese ao que digan Jung Chang e Jon Halliday, en “Mao. La historia desconocida” (excelente a crítica do correspondente de La Vanguardia, Rafael Poch, que pode lerse en www.lainsignia.org), e outros moitos, e mesmo pese ó despropósito de erixirlle unha inmensa estatua no Tíbet, Mao goza aínda dun importante recoñecemento en China. É un dato obxectivo do que participa non soamente o mundo rural ou as persoas de certa idade, entre os que a memoria das dificultades daquel tempo non solapa as do presente, senón mesmo entre as persoas máis novas, en especial, os estudantes universitarios, irritados coa proliferación da corrupción (o “proxectil almibarado” que dicía Mao) e a febleza da sensibilidade social da clase dirixente, que os viran cara un ideal máis próximo ao igualitarismo maoísta, salvando as distancias, ca ao actual “sálvese quen poida”, imposto polo absolutismo do mercado.

Mais alá do simbólico desta “rebelión”, o intenso debate que se está a xerar en China a respecto da regulamentación da propiedade privada é indicativo dos niveis de resistencia crítica que subsisten en certos sectores. A regulación debía quedar aprobada en marzo, pero foi adiada mentres se anunciaba o lanzamento do chamado “novo agro socialista” e o primeiro ministro, Wen Jiabao, dicía que non se pode seguir mirando cara atrás e que a reforma debía proseguir. Pero co nivel de descontento existente no campo, esa regulación só serviría para lexitimar o “branqueo” das usurpacións practicadas nestes anos polos poderes burocráticos e económicos, e abrir unha inmensa vía para agravar as enormes desigualdades que caracterizan a China actual.

A ligazón entre ambos feitos establecíana con claridade un dos internautas anónimos: “Se hoxe venden o retrato de Mao, mañá venderán a Praza de Tiananmen”. No fondo, a trinta anos da desaparición do líder por antonomasia da Revolución, ese é o principal tema que agora está en discusión en China.