Viraxe en China

 Rapaz remexendo lixo, clic para aumentar
A reforma china, moi exitosa na orde económica, presenta lagoas e fendas de groso calibre. As desigualdades, as novas pobrezas, a vivenda, o desemprego, a saúde, a educación, a inseguridade no traballo, son asuntos que requiren dunha profunda viraxe no compromiso dos dirixentes chinos. (Foto: Un rapaz busca entre o lixo nun suburbio de Guiyang, na provincia chinesa de Guizhou).
 

Este fin de semana iniciáronse en Beijing as sesións do macroparlamento chinés que anualmente se reúne durante dúas semanas para tomar o pulso á vida do país. Non acostuma a haber sorpresas. No sistema político de China, o papel do lexislativo é meramente instrumentalizador das decisións partidarias e, por iso mesmo, cumpre unha función primordialmente lexitimadora dos acordos previamente adoptados polo gobernante Partido Comunista. Con todo, nos últimos anos, deu síntomas de maior viveza e dinamismo que nunca chegará, no contexto actual, a asemellarse ó coñecido en sistemas nos que, cos seus defectos, é a expresión viva do pluralismo político.

Hu Jintao, o presidente do país e secretario xeral do Partido Comunista, chega a esta Asemblea cunha axenda na que sobresaen os asuntos sociais. A reforma china, moi exitosa na orde económica, presenta lagoas e fendas de groso calibre. As desigualdades, as novas pobrezas, a vivenda, o desemprego, a saúde, a educación, a inseguridade no traballo, son asuntos que requiren dunha profunda viraxe no compromiso dos dirixentes chinos. Hu toma distancias coa etapa anterior e o primeiro ministro, Wen Jiabao, asegura que non se estimaron ben as consecuencias de priorizar tanto a eficacia en detrimento da xustiza. Hoxe existen numerosas bolsas de descontento en todo o país, desarticuladas pero vigorosas e decididas para conter os abusos das autoridades. No inmenso campo, as expropiacións de terras e os impostos ilegais esgotan a paciencia e animan a rebeldía social.

Na última festa da primavera, Hu Jintao viaxou a Yenan, a que fora unha das bases máis importantes do Partido Comunista na etapa revolucionaria. O xesto de Hu foi interpretado como expresión da solidariedade do goberno cos problemas dos campesiños, que aínda representan o setenta por cento da poboación. Pero estes, cansos do coqueteo do Partido Comunista cos novos empresarios, reclaman agora algo máis ca xestos, queren esperanzas fundadas de que a situación vai mellorar nos próximos tempos. Esa preocupación estará presente nas reunións do macroparlamento, pero a percepción de que pouco poden facer as súas señorías de motu propio, converte as sesións nunha posta en escena certamente espectacular pero en boa medida irrelevante.