China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
A hora clave de Hu Jintao
Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 18/10/2007)
 
 

  Hu Jintao na exposición “The road of revival” en Beijing; clic para aumentar
Para modificar o rumbo e asegurar a autonomía do proceso, Hu Jintao impulsou igualmente profundos cambios internos. Non foron na liña de separar estado-partido nin de fortalecer o estado de dereito, tal e como se reclama insistentemente desde Occidente, senón promovendo intensas campañas de reeducación ideolóxica onde a combinación de ensinanzas confucianas e a reivindicación do marxismo semellan camiñar da man sen as rivalidades que antano establecera Mao. (Foto: Hu Jintao baila a danza popular do “Yangge” en Shanxi, nunha imaxe da exposición “The road of revival” en Beijing, en outubro de 2007).
 
Nos últimos anos, Hu Jintao imprimiulle trazos particulares á reforma chinesa. A aposta polo social, a volta ao campo, o impulso á innovación tecnolóxica, a formulación dunha nova relación cos investimentos exteriores, a reivindicación da importancia do ambiente, a construción dun mercado doméstico a partir da elevación dos ingresos das capas menos favorecidas, etc, conformaron un novo clima no proceso chinés que deixaba atrás a etapa máis liberal, sentando as bases dun novo modelo de desenvolvemento e dun axuste colectivo e ambiental que resultan imprescindibles para asegurar a sostibilidade e a estabilidade do cambio.

Para modificar o rumbo e asegurar a autonomía do proceso, Hu Jintao impulsou igualmente profundos cambios internos. Non foron na liña de separar estado-partido nin de fortalecer o estado de dereito, tal e como se reclama insistentemente desde Occidente, senón promovendo intensas campañas de reeducación ideolóxica onde a combinación de ensinanzas confucianas e a reivindicación do marxismo semellan camiñar da man sen as rivalidades que antano establecera Mao. Igualmente, o patriotismo e a exaltación das epopeas revolucionarias habían servir para infundir nas novas bases do PCCh o compromiso necesario para que a transformación dos últimos anos non se quedara nunha simple capacitación tecnocrática. Por último, a loita contra a corrupción e a aprobación de rigorosas normas de incompatibilidades deberían servir para restablecer a autoridade moral do PCCh, a nivel interno, territorial e social, moi minada polo desconcerto e a confusión e a emerxencia de novos e poderosos actores que fragmentan as lealdades partidarias.

Ese proxecto global de Hu Jintao, aínda sen perfilar de todo e con numerosas ambiguedades, presenta como dobre característica a fidelidade ao proxecto orixinal de Deng e a aposta irrenunciable pola soberanía nacional. Esa dobre insistencia implica, no seu parecer, a importancia de prestar moita atención á construción do Partido e mesmo ao fortalecemento da democracia interna, sen que estea moi claro o significado de ambas cousas, e, en especial, o segundo, cando a pesar da cosmética oficial, as posibilidades de participación son bastante limitadas na China de hoxe. Todo pode quedar reducido a unha mera cuestión de presenza ocupante e control social.

Guerras intestinas aparte, ese novo discurso de Hu Jintao, cun certo abeiramento á esquerda que coexiste coa defensa da triple representatividade de Jiang Zemin, será a retórica do XVII Congreso, dándose por seguro que será asumido polos delegados. Falta que o conxunto do PCCh sintonice con el a pesar das profundas transformacións experimentadas na súa composición interna: soamente o 10% da súa militancia son obreiros fronte a case un 30% de burócratas, por exemplo. Segundo anunciou o Renmin Ribao, dos case 2,5 millóns de novos membros que anualmente ingresaron no PCCh dende 2002, a metade son profesionais en activo e o 72% teñen menos de 35 anos. Coñeceron a China de Hu, de Jiang e a de Deng, pero ninguén sabe que China será a súa. Esa incerteza agrávase polo incremento das presións externas respecto do rumbo do proceso de reforma que agora mesmo entra nunha etapa decisiva.

 
 

Xulio Ríos,
director del Igadi y del
Observatorio de la Política China
(
Casa Asia-Igadi).

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/10/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta