200707beijing construcion estadio olimpico

A modernidade chinesa

 Obras construción Estadio Olímpico de Beijing; clic para aumentar
Obras construción Estadio Olímpico de Beijing; clic para aumentar
O desenvolvemento da cuarta potencia económica do mundo, quizás terceira a finais deste mesmo ano, presenta un dos déficits de solidariedade máis elevados do planeta. Nada diso parecía existir cando se celebraron as pomposas cerimonias que deron inicio á conta atrás do ano que resta para a celebración dos Xogos Olímpicos. Todo entón será brillo e luminosidade. A outra China seguirá na sombra. Pero, artificios aparte, seguirá aí e acabará por emerxer. (Fotos: Obras de construción do Estadio Olímpico de Beijing).
 

Desde o pasado xuño, preto de mil cincocentas persoas foron liberadas en China da escravitude. Segundo fontes oficiais, delas, unhas catrocentas eran discapacitados mentais. Todos traballaban en fornos, minas e talleres ilegais, onde a maior parte dos traballadores carecían de contrato, seguridade social e outros mínimos elementais. Como en tempos da China milenaria, o goberno central decidiu enviar varias misións para supervisar o comportamento dos gobernos locais e impoñer castigos severos aos responsables, morte incluída, a fin de dar un escarmento exemplar.

Os feitos, denunciados recentemente, non son unha anécdota, senón que forman parte estrutural dun sistema económico e de valores que conta coa complicidade de moitas autoridades, abertamente protectoras. Pero tamén son consecuencia do discurso promovido desde o poder central que veu insistindo nos últimos anos na importancia de alentar o desenvolvemento a toda costa, empeño no que moitos, os máis febles e desprotexidos, chegan a deixar a vida. A explotación brutal da man de obra e a negación de dereitos básicos, factores que tanto atraen o investimento exterior, están á vista de calquera. Os recentes avances formais contrastan aínda coa terca e dura realidade.

Lévase falado moito das cifras do crecemento chinés, do inmenso volume de investimentos recibidos, da súa inxente reserva de divisas, de díxitos, en fin, de todo tipo que abundan na singular transformación que experimenta este país. Pero moitos dos que obran o milagre seguen moi lonxe da vida modestamente acomodada que lle prometeran. No país dos contrastes por excelencia, as sombras emerxen por todas partes, amosando non soamente as carencias materiais, senón, sobre todo, a falta de escrúpulos e a máis evidente ausencia de valores na conduta de individuos e autoridades que fixeron da lóxica do beneficio a única posible.

O desenvolvemento da cuarta potencia económica do mundo, quizás terceira a finais deste mesmo ano, presenta un dos déficits de solidariedade máis elevados do planeta. Nada diso parecía existir cando se celebraron as pomposas cerimonias que deron inicio á conta atrás do ano que resta para a celebración dos Xogos Olímpicos. Todo entón será brillo e luminosidade. A outra China seguirá na sombra. Pero, artificios aparte, seguirá aí e acabará por emerxer.