China e o mundo chinésVolver a TitularesVolver a China e o mundo chinés
As leguas do PCCh
Por Xulio Ríos (AGN, 16/10/2007)
 
 

  Traballadoras nunha fábrica de xoguetes en Panyu; clic para aumentar
A combinación de man de obra barata, investimentos estranxeiros e orientación da produción cara a exportación serviron de fundamento ao exponencial crecemento chinés. Ese proceso, deixando de lado a preocupación pola xustiza social, derivou en profundas desigualdades e carencias de todo tipo que hoxe pasan factura a uns gobernantes cegados polos reflexos luminosos das grandes torres urbanas que a modo de espellos da modernidade simbolizaban o abandono da China pobre e rural. (Traballadoras nunha fábrica de xoguetes en Panyu, na provincia de Guangdong, en setembro de 2007).
 
Unha desas máximas chinesas que representan a quintaesencia do seu pensamento milenario asegura que “noventa leguas constitúen soamente a metade dun traxecto de cen leguas: certamente, a derradeira parte do camiño é a máis dura”. Algo así deben pensar os comunistas chineses que estes días se reúnen en Pequín para definir o futuro do seu proceso de reforma nun momento en que, pese á bonanza que reflicten as incuestionables cifras do seu crecemento, atravesa unha crise de modelo que de non ser resolta positivamente podería dar ao traste co exitoso cambio operado nas tres últimas décadas.

A combinación de man de obra barata, investimentos estranxeiros e orientación da produción cara a exportación serviron de fundamento ao exponencial crecemento chinés. Ese proceso, deixando de lado a preocupación pola xustiza social, derivou en profundas desigualdades e carencias de todo tipo que hoxe pasan factura a uns gobernantes cegados polos reflexos luminosos das grandes torres urbanas que a modo de espellos da modernidade simbolizaban o abandono da China pobre e rural. Pero os ignorados, eses que en verdade obraron o milagre chinés, reclaman agora, con toda razón, a súa parte nos beneficios acaparados por un reducido grupo de potentados.

Conectando sabiamente con aquela tradición milenaria, Hu Jintao, o líder chinés, propón a harmonía como clave para reconducir a situación e recuperar unha credibilidade social cuestionada pola alarmante vaga de corrupción que anega ata as máximas instancias do poder. Pero a cuestión de fondo reside na capacidade para sentar as bases dun modelo económico internacionalmente competitivo baseado na innovación científica, nunha presenza baseada en produtos de calidade e alto valor engadido e, sobre todo, na conformación dun mercado interno hoxe moi pouco desenvolvido, en parte pola alarmante diferenza de ingresos entre o mundo urbano e rural. Mellorar a situación no rural e evitar a súa destrución por un proceso de urbanización desbocado é un serio desafío para as autoridades chinesas.

Para seguir usufrutuando o “mandato do ceo” e evitar que, como aconteceu con anteriores dinastías, a corrupción e a incapacidade para xerar un benestar social equitativo acaben por finiquitar o seu tempo histórico, o Partido Comunista da China debe impulsar un gran cambio, en ningún caso menor ao que deu lugar á propia reforma. Os máis de setenta millóns de novos mandaríns que militan no PCCh teñen a palabra e a responsabilidade para culminar ese difícil derradeiro tramo do camiño.

 
 

Xulio Ríos,
director del Igadi y del
Observatorio de la Política China
(
Casa Asia-Igadi).

Xulio Ríos, clic para aumentar
 
Volver a TitularesVolver a China e o mundo chinés



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.gal

ÚLTIMA REVISIÓN: 14/10/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta