20071021 beijing policia arresta manifestante02

China cambia o rumbo

 Policía arresta manifestante proximidades Gran Salón do Pobo; clic para aumentar
Outro manifesto, asinado por unhas 12.000 persoas, alertando da inxustiza vixente no país e reclamando reformas políticas e respecto ás liberdades consagradas na propia Constitución, non chegou aos delegados do Congreso, protexidos en todo momento por unha barreira policial infranqueable e presente nos puntos neurálxicos da cidade e nos hoteis onde foron aloxados. (Foto: Un manifestante é reducido e detido nas proximidades do Gran Salón do Pobo o 21 de outubro, día da clausura do XVII Congreso do Partido Comunista de China).
 

Rematou en Pequín o XVII Congreso do Partido Comunista de China (PCCh). Hu Jintao, líder do Partido e do Estado, acadou parcialmente os seus principais obxectivos. Dunha banda, institucionalizar un cambio de discurso que xa viña propiciando nos catro últimos anos, arredor dos conceptos de desenvolvemento científico e a sociedade harmoniosa, que foron unanimemente aceptados polos delegados. Doutra, afianzando o control do aparello partidario e da súa propia sucesión, que deberá producirse en 2012, sen que agora mesmo quedase sentenciada de todo, inmersa en delicados equilibrios entre as diferentes faccións. O denominador común do evento foi a convicción de que China entra nunha nova etapa, que a debe catapultar definitivamente cara o centro do escenario político internacional, e que nese proceso, os perigos serán abundantes polo que cómpre estar preparados para afrontalos preservando a propia soberanía, cuestión tamén unanimemente celebrada como irrenunciable.

En paralelo ao Congreso, en Washington, o G-7 reclamaba de Beijing unha “apreciación acelerada” do iuán, a moeda chinesa, e o Congreso, no seu informe anual, denunciaba as fraxilidades e carencias do sistema social e xurídico chinés, as súas políticas en materia de relixión, nacionalidades e dereitos humanos. O día 17, George Bush recibía ao Dalai Lama, reforzando a proxección internacional do líder tibetano e aguando a festa do PCCh.

Igualmente, na véspera, algúns ex dirixentes veteranos criticaron o rumbo capitalista do PCCh. A web maoflag.net que publicou unha declaración ao respecto foi pechada durante varios días e a carta retirada. Outro manifesto, asinado por unhas 12.000 persoas, alertando da inxustiza vixente no país e reclamando reformas políticas e respecto ás liberdades consagradas na propia Constitución, non chegou aos delegados do Congreso, protexidos en todo momento por unha barreira policial infranqueable e presente nos puntos neurálxicos da cidade e nos hoteis onde foron aloxados. Programas de radio e de televisión considerados “inapropiados” foron obxecto de censura polas autoridades co propósito de crear un ambiente “sano” para o Congreso.

A presenza empresarial

Unha das novidades foi a presenza dun grupo significativo de delegados procedentes do sector non público da economía. Liu Qingping, profesor no Instituto Tecnolóxico de Beijing, considera que esa presenza non soamente serve para acrecentar a influencia social do PCCh senón que tamén lle proporciona unha nova fonte de poder.

O negocio privado esténdese por toda China. Nos últimos anos, á par que a definitiva regulamentación da propiedade privada, fóronse abrindo a ela cada vez máis sectores, incluíndo o bancario e o bursátil. Máis convencidos da sinceridade do réxime e da seguridade dos seus negocios, os delegados deste sector presentes no Congreso reclamaron políticas preferenciais.

Segundo cifras oficiais, o sector non público produce actualmente o 67% do PIB de China e contribúe con preto do 80% ao crecemento económico do país. O número de pequenas e medianas empresas rexistradas supera os 4,3 millóns, e xeran o 58,5 por cento do PIB. Máis do 95 por cento son de propiedade privada, segundo datos facilitados por Li Zibin, presidente da Asociación Chinesa de Pequenas e Medianas Empresas.

Uns 2,9 millóns de membros do PCCh (outras fontes elevan a cifra a 3,18 millóns) traballan en compañías privadas, que xa empregan a 120 millóns de persoas, o 9,2% da poboación chinesa. Por outra banda, uns .000 empresarios participan nos comités locais e nacionais e nas diversas asembleas, tanto no eido partidario como propiamente estatal. Segundo o departamento de organización do PCCh, o aumento deste colectivo dende 2002 foi do 113,4%.

Entre os delegados asistentes tamén figuraban os patróns das máis grandes empresas chinesas, representantes do sector petroleiro, informático, aeronáutico, etc., á cabeza do sector público. Quedan en China unhas 119.000 empresas do Estado, das que 155 son xestionadas directamente polo goberno central (datos de 2006). Entre 2003 e 2006, liquidáronse 31.000. Os beneficios das que subsisten crecen sen cesar, con alzas anuais superiores ao 35%.

O desenvolvemento científico

Este concepto, que foi incorporado aos estatutos do PCCh, enfatiza a importancia de instar un novo modelo de crecemento que preste atención ás súas consecuencias ambientais, que sexa racional e estruturador da economía e do territorio, aqueixado de grandes desequilibrios entre a costa e as zonas interiores do país. O novo modelo, a maiores, promove o impulso do factor tecnolóxico e unha nova relación co capital investidor estranxeiro, potenciando unha estratexia específica de difusión das súas importantes reservas, hoxe as maiores do mundo.

Ese empeño, nada ten que ver cos episodios recentes que cuestionaron a calidade de certo segmento da produción chinesa, que en Beijing se interpreta como unha vía indirecta para alentar o proteccionismo, cando non para premer sobre o iuán e forzar a súa apreciación.

Pero, por que científico e non simplemente sostible? Do que se trata é de enfatizar a importancia da exclusión da ideoloxización. Ao longo do Congreso multiplicáronse os chamamentos clásicos a emancipar a mente e a buscar a verdade nos feitos, sinónimos, na linguaxe política chinesa, non soamente dunha vontade pragmática senón tamén da importancia de encarar os problemas económicos cos pes na terra.

A sociedade harmoniosa

O elevadísimo custe social do proceso de reforma esixía hai tempo unha corrección profunda. O descontento pola polarización e a proliferación da corrupción nos entornos do poder a todos os niveis espertaban o temor a que, como aconteceu en épocas históricas anteriores, a actual dinastía do PCCh fose varrida pola deslexitimación ante unha cidadanía que se ben alberga poucas esperanzas dunha mensaxe socialmente transformadora do PCCh, si conserva a ilusión por acceder a unha mellora significativa do nivel de vida recollendo beneficios de tres décadas de crecemento imparable.

Datos oficiais indican que o coeficiente Gini de China superou a marca de advertencia do 0,4. O PIB de Shanghai é de preto de 76.000 iuáns, máis de trece veces o nivel da provincia suroccidental de Guizhou. En 2007, 300 chineses máis que en 2006 figuran na lista de multimillonarios de China (un total de 800). Os millonarios chineses (arredor de 345.000) aumentaron un 7,8% en 2006 en relación a 2005, e representan o 13,4% dos millonarios de Asia, acumulando o 20,6% da fortuna da rexión, por detrás de Xapón, que suma o 43,7% da riqueza. Os HNWI (high net worth individuals) dispoñen dunha media de cinco millóns de dólares e unha pequena minoría, menos de 5.000, controlan, segundo un informe das consultoras Merril Lynch e Capgemini, arredor de trinta millóns de dólares cada un. China atópase, nestes parámetros, en quinta posición mundial, por detrás de Estados Unidos, Xapón, Reino Unido e Alemaña.

Mentres, o ingreso per cápita nas zonas rurais segue sendo, de media, inferior a 3.600 iuáns. A renda media anual dos habitantes urbanos foi en 2006 de 11.759 iuáns, 3,28 veces máis que a dos campesiños (3,22 en 2005 e 3,21 en 2004).

Xunto á elevación dos ingresos no medio rural e a mellora xeral das infraestruturas, o esforzo no próximo lustro concentrarase no aumento do gasto social, poñendo a disposición do conxunto da poboación os servizos básicos de educación, saúde, etc. No Congreso, o viceministro de saúde pública, Gao Qiang, asegurou que en 2020 toda a poboación gozará de servizos médicos (serán 1.500 millóns de habitantes daquela). Actualmente, segundo fontes oficiais, o 82% da poboación pode acceder ao servizo médico cooperativo. En 79 cidades funciona un proxecto piloto de sistema médico que podería estenderse ao conxunto dos residentes urbanos en 2010. A implantación do mínimo vital estúdase para aplicar nas zonas rurais do país.

As metas inmediatas

Os principais retos e obxectivos asumidos polo PCCh no XVII Congreso poderían resumirse do seguinte xeito:

“¢ Multiplicar por catro o valor do PIB entre 2000 e 2020, controlando a polución e estimulando políticas de aforro enerxético. Nos últimos catro anos, o crecemento chinés foi superior ao 10%. No primeiro semestre de 2007, foi do 11,5%.

“¢ Mellora dos servizos médicos e de saúde pública en xeral, en especial no relativo á seguridade alimentaria, anunciando grandes reformas e unha maior prevención. En agosto publicouse o primeiro libro branco sobre a seguridade alimentaria.

“¢ Un desenvolvemento máis equilibrado. O crecemento saíu caro en termos ambientais, de desequilibrios e de desigualdades, o que demanda unha maior atención á cuestión social e ao emprego.

“¢ Un iuán progresivamente convertible, pero sen fixar datas nin prazos, aínda que perfeccionando de modo constante os mecanismos da taxa de cambio. China teme unha convertibilidade plena que a exporía en exceso ás perturbacións dos fluxos financeiros e dos mercados.

“¢ Acordo de paz con Taiwán, sobre a base do respecto do principio da existencia dunha única China. Evocáronse medidas políticas e económicas para favorecer a aproximación, sen mentar en ningún momento a adopción de medidas de forza.

“¢ Loita contra a corrupción, promovendo políticas preventivas baseadas en modelos de virtude agrupados en cinco categorías: altruísmo, bravura por unha causa xusta, honestidade e confianza, traballo duro e piedade filial.

“¢ Reforma política no marco do sistema, mantendo o liderado do PCCh, fomentando unha participación social “ordenada”, introducindo maiores medidas de transparencia e alentando unha maior proximidade entre as institucións e os cidadáns.

“¢ Fortalecer a cultura chinesa como expresión do “poder brando” do país e non soamente como forza creativa e de cohesión. “A gran revitalización da nación chinesa debe ir acompañada polo florecemento da súa cultura”, sinalou o informe lido por Hu Jintao aos congresistas.

A democracia e a teoría da adaptación

A mensaxe política clave deste Congreso é que nos próximos anos, o PCCh esforzarase por innovar un modelo democrático adaptado ás súas especificidades. “A democracia non significa compracer o gusto dos países estranxeiros”, aseguraba Hu Doping, fillo do falecido secretario xeral Hu Yaobang e hoxe vicepresidente da Federación Nacional de Industria e Comercio. Yu Keping, director adxunto do servizo de tradución do Comité Central e considerado a “pluma” de Hu Jintao, considera que agora trátase de facer progresar activa pero prudentemente a reforma so sistema político. Nalgunhas municipalidades das provincias de Sichuan e Hubei, ademais de Chongqing, leváronse a cabo eleccións directas experimentais para os secretarios do PCCh, nunha campaña que contemplou múltiples candidatos. Anualmente, os xefes do Partido son avaliados e se perden a confianza dunha terceira parte dos votantes, deben abandonar o cargo. As eleccións directas lévanse a cabo xa no 90% dos comités de aldea, aínda que cun procedemento manifestamente mellorable.

A reforma democratizadora que ambiciona Hu debe ter unha “orientación política correcta”, é dicir, debe servir para consolidar o liderado do PCCh e rexeitando, como dixo en Yale en 2006 durante a súa visita a EEUU, calquera copia mimética do modelo occidental. Do que se trata é de mellorar a democracia no interior do Partido e as súas proximidades, con medidas lentas como a competencia entre un número cada vez maior de candidatos, o fomento da participación, a transparencia e o control, tamén a institucionalización, e abrindo espazos para compartir o poder con profesionais independentes e outros partidos legais, pero sen admitir posibilidade algunha de alternancia.

Porque debemos ser de mente estreita e pensar que non hai alternativa aos sistemas occidentais?, preguntase Liu Xirui, profesor da Escola Nacional de Administración. O debate promovido nos últimos tempos a propósito da adopción dun socialismo democrático, alentado polas investigacións que dende o ano 2000 levan a cabo na Escola do Partido a respecto do modelo nórdico e a ideoloxía e a organización da socialdemocracia europea con carácter xeral, semella ter chegado ao momento de adquirir certa proxección pública. Con eses vimbios, Hu Jintao apréstase a inventar unha democracia propia utilizando o propio PCCh como laboratorio.