O soño chinés

 Factoría téxtil, clic para aumentar
Semella ter chegado o momento de ser máis esixentes no eido da investigación, as novas tecnoloxías, o investimento exterior, e mesmo no respecto dos dereitos sociais da colectividade laboral, esa inmensa masa anónima que obrou o milagre do espertar chinés pero que polo momento malvive a duras penas maioritariamente marxinada da opulencia na que se recrean os seus cincuenta millóns de multimillonarios. (Foto: Traballadoras nunha factoría téxtil).
 

A China que estes días reúne o seu macroparlamento está a mudar de imaxe a ritmo acelerado a súa estratexia de crecemento. O novo modelo de desenvolvemento renega da idea de ser o simple “taller do mundo” e incorpora outras dimensións diferentes á mestura de man de obra barata e todo vale que sustentaron o crecemento das últimas décadas, un medre beneficioso nos grandes trazos pero nada respectuoso nin co ambiente nin cos dereitos sociais da súa inmensa poboación. Con eses vimbios, tan desestabilizadores á larga e pouco creativos, non pode aspirar a ser unha gran potencia respectada no mundo.

Despois do vertixinoso proceso de acumulación destes anos, en Beijing tómase nota dos efectos nocivos dun desenvolvemento en boa medida incontrolado, en especial, no que atinxe á dimensión social e ambiental do cambio. Semella ter chegado o momento de ser máis esixentes no eido da investigación, as novas tecnoloxías, o investimento exterior, e mesmo no respecto dos dereitos sociais da colectividade laboral, esa inmensa masa anónima que obrou o milagre do espertar chinés pero que polo momento malvive a duras penas maioritariamente marxinada da opulencia na que se recrean os seus cincuenta millóns de multimillonarios.

A poderosa economía chinesa precisa, por outra banda, dunha política exterior que renuncie á modestia e arbitre unha densa rede diplomática que preserve os seus intereses estratéxicos (dende a simple influencia política á enerxía ou a seguridade alimentaria). A ofensiva chinesa en todos os continentes e espazos e a súa crecente intervención en diversos conflitos (Corea do Norte, Irán ou Sudán) evidencia que o tránsito do hexemonismo á multipolaridade é un feito e está por ver se desemboca finalmente nunha nova bipolaridade.

Con estas premisas, China non será outro Xapón nin outra UE, xigantes económicos pero ananos políticos, nin tampouco buscará a toda costa a homologación que se lle reclama no político dende o mundo occidental. A transición chinesa non soamente ten unha faciana substancialmente diferente á vivida polos países do vello socialismo real, senón que o seu resultado pode ser netamente distinto. EEUU empéñase en sometela ás súas redes de dependencia, como fixo coa URSS e o seu imperio, pero aquí tropeza coas resistencias do comunismo amarelo e con toda a milenaria sabedoría confuciana, esa que afirma que dúas persoas poden compartir a mesma cama pero ter distintos soños. A China que participa na economía global ten outro soño.