Outra China é posible?

 Mulleres carrexando leña nas montañas de Dali; clic para aumentar
China quere ser un país rico e poderoso. O seu superávit comercial crece de forma exponencial e hai quen asegura que en cousa de dous anos desbancará á UE en recursos destinados a I+D. Eses números cantan e poderían citarse moitísimos máis que darían conta da inmensa transformación que experimentou este país en numerosos ámbitos, incluído o da redución da pobreza. Pero o impulso social reviste a forma dun abismo ante as inmensas necesidades de amplas capas de poboación, escasamente beneficiadas pola xenerosa e crecente participación de China na mundialización. (Foto: Mulleres carrexando leña nas montañas de Dali, na provincia de Yunnan).
 

O altermundismo está ben afastado das preocupacións da dirixencia chinesa. As persoas e colectivos que simpatizan con esas teses son minoritarios, están pouco organizados e a penas gozan de influencia social. Quizais sexa consecuencia de que boa parte da clase dirixente comparte a tese de que a China benefícialle esta mundialización, na medida en que facilita o incremento da súa presenza económica internacional e contribúe a acelerar o seu proceso de desenvolvemento.

Claro que en Beijing, en coherencia co discurso político tradicional do maoísmo, non se renuncia a denunciar o dobre discurso dos países ricos e tamén demanda unha nova orde económica internacional que estableza regras iguais para todos os países no comercio mundial e que teña en conta as notables diferenzas existentes entre uns e outros en materia de desenvolvemento. Pero os intereses nacionais pesan como unha lousa de granítico pragmatismo curtoprazista sobre a política chinesa neste eido. A ideoloxía non está ausente cando en Beijing se promoven achegamentos a certos países que simpatizan con estes movementos (falemos de Venezuela, Cuba, Bolivia, etc), pero quedará de lado se entra en conflito cos intereses nacionais.

Outro tanto podería dicirse dos seus investimentos internacionais, especialmente os realizados nos países en vías de desenvolvemento. ¿Hai outra maneira de actuar? Hai xestos, indicios, pero todo está por ver. O incremento da presenza chinesa en África pode ter efectos beneficiosos para tirar da pobreza a moitas comunidades, pero, á vista da enorme importancia concedida ás súas materias primas, o risco de incorrer nun novo colonialismo é demasiado alto. É sabido que detrás de boa parte do interese occidental pola situación de Darfur hai, por desgraza, pouco máis que petróleo, pero tamén o é que China podería facer máis para lograr un maior compromiso das autoridades sudanesas para resolver a crise humanitaria. Algo fai, pero non é suficiente.

China entrou na OMC co novo milenio, nun momento en que esta organización era obxecto dun gran cuestionamento social a nivel internacional, China insufloulle un importante aire (fresco?) de optimismo, facendo virtuosa a ignorancia de cláusulas sociais ou ambientais básicas e elementais. É agora, pasado un lustro, cando podemos constatar o medre da sensibilidade nestes eidos, cando tamén irrompen nos medios de comunicación relatos sobre a reaparición da escravitude ou o traballo infantil nunha China que parece fóra de control (adulteración de medicamentos e de produtos de uso cotián, rebelións contra a política do fillo único, consumismo exacerbado que fai perigar o ambiente, en fin, mil e un espellos das múltiples desigualdades e contradicións).

China quere ser un país rico e poderoso. O seu superávit comercial crece de forma exponencial e hai quen asegura que en cousa de dous anos desbancará á UE en recursos destinados a I+D. Eses números cantan e poderían citarse moitísimos máis que darían conta da inmensa transformación que experimentou este país en numerosos ámbitos, incluído o da redución da pobreza. Pero o impulso social reviste a forma dun abismo ante as inmensas necesidades de amplas capas de poboación, escasamente beneficiadas pola xenerosa e crecente participación de China na mundialización. Ese desafío está na base dun tímido xiro á esquerda do goberno chinés co propósito de temperar o descontento social que, sobre todo no campo, acada magnitudes preocupantes. A reividicación da harmonía, concepto da filosofía clásica chinesa que o PCCh reacomoda agora despois de anos de intensas campaña contra Confucio, é a expresión desa estratexia que persegue unha maior cohesión cívica.

O termo “científico” acompaña as propostas e iniciativas enunciadas polos dirixentes chineses. Científico aquí non quer dicir outra cousa que desideoloxizado. Pero o desenvolvemento, como a mundialización, nin é neutro nin é neutral. A interdependencia do mundo actual obriga a tomar en consideración non soamente os intereses nacionais senón tamén os globais. Como no plano interior, non só se pode prestar atención á economía, descoidando o eido social e outros, incluídos os dereitos individuais. Todo chegará ao seu debido tempo? Máis tarde ou máis cedo, a visión chinesa terá que incorporarse a este debate e daquela veremos se aplica a mesma regra científica. Porque, cientificamente, esta China e este mundo non teñen futuro.