Aniversario

Unha imaxe moi común na China é a de grupos de xente en estado de formación. Pódense ver a cada paso na rúa, pero tamén nos aeroportos, nos restaurantes, nas comunidades de veciños, nos comercios ou nas escolas. Non só é unha maneira de estar –ou de circular- senón tamén de posta a punto diaria que serve para pasar revista aos detalles da xornada. Esa práctica, que da conta da presenza social dunha disciplina de corte castrense, reforzada ata a saciedade polos medios de comunicación cunha esaxerada presenza de militares e policías en todo tipo de canles e programas, é a que sobresae tamén en moitas cerimonias. Vímolo nos Xogos Olímpicos e comprobámolo de novo nos fastos do primeiro de outubro, con motivo do sesenta aniversario da proclamación da China Popular.

A China de 1949 e a de hoxe están a maior distancia do que revelan os fríos números das estatísticas ofrecidas polo goberno de Pequín e que dan conta da inmensa transformación experimentada, en especial nos últimos trinta anos como consecuencia da política de reforma e apertura. Entón, un século de desgaste e desorientación pasaban factura ao único país-civilización supervivente das catro grandes do mundo antigo (xunto con Exipto, Babilonia e India). A caída da derradeira dinastía feudal, seguida de guerras civís, a invasión de Xapón, etc., postraron ao vello Imperio do Centro. O triunfo de Mao sobre o KMT abriu un novo horizonte coa perspectiva non só de construír unha sociedade nova, de conformidade cos parámetros revolucionarios da época, senón de recuperar o terreo perdido en termos de posicionamento global. Esa dimensión histórica é a que prima hoxe na visión dos líderes chineses, dispostos a fender calquera ortodoxia en tanto contribúa a acadar o obxectivo do rexurdimento. E iso explica tamén que o nacionalismo vaia collendo pulo entre a cidadanía e a propia dirixencia como mostra de orgullo polo acadado pero tamén como escudo protector fronte ás tensións de todo signo que poderían desestabilizar o proceso e alentar o fracaso. Non cabe por iso agardar grandes mudanzas nin na axenda nin no comportamento de China nas próximas décadas, en canto as actuais coordenadas acrediten a súa utilidade instrumental. Non correrán máis riscos dos estritamente necesarios, aínda a custa dos enfados de Occidente.

A China de 2009 afronta desafíos decisivos: a urxente transformación da súa estrutura produtiva, a plasmación dun novo modelo de crecemento menos dependente do comercio exterior e do investimento estranxeiro, o salto en materia ambiental ou tecnolóxica, a conformación dun sistema básico de benestar social moderno e equitativo, a corrección de tantos desequilibrios de todo tipo, a satisfacción das múltiples demandas que latexan no seu vasto territorio, dende as nacionalidades minoritarias ata a democratización xeral do sistema político, a normalización das súas relacións cos países veciños, ou a afirmación da súa soberanía fronte aos intentos de condicionar o signo final do seu proxecto… A xestión a un tempo de tanta complexidade só é posible por parte de quen é capaz de ter tanta paciencia como para non importarlle o paso dos anos. As presas, e a experiencia maoísta ilústrao ás claras, son malas conselleiras.