China: identidades en conflito

Un despacho da axencia oficial de noticias chinesa Xinhua datado o 19 de xullo sinalaba que un dos problemas máis urxentes a resolver polo goberno central era a tradución ás respectivas linguas das nacionalidades minoritarias da normativa legal básica que regulamenta o sistema autonómico chinés. Pese a tan elocuente “confesión” despois de seis décadas de convivencia “harmoniosa” en común, o Partido Comunista de China (PCCh) insiste en cantar as excelencias da súa política nesta materia e en separar calquera hipotética disfunción que nela puidera rexistrarse, dos incidentes acontecidos o 5 de xullo na capital da rexión autónoma de Xinjiang, Urumqi, a máis afastada de Pequín (a 4.000 quilómetros de distancia pero co mesmo fuso horario), onde faleceron, segundo fontes oficiais, preto de duascentas persoas, as tres cuartas partes delas de nacionalidade han, a maioritaria (92%) no conxunto do país. Para Pequín, o acontecido en Urumqi redúcese a un grave problema de orde e seguridade pública, provocado por “matóns” procedentes doutras zonas e incluso de países veciños, aguilloados dende o exterior polo Congreso Mundial Uigur (organización proindependentista dos uiguires exilados), anque, iso si, co propósito de reclamar a ”soberanía” deste territorio.

Os incidentes de Xinjiang de comezos de xullo desenvolveronse de forma moi semellante aos de Tibet de marzo de 2008. Foi unha explosión de violencia anti-han desmesurada e fóra de control, cun ansia destrutiva inusual (tendas, vivendas, autos, buses….) reveladora quizais do forte grado de frustración que acumula unha poboación local impotente ante a inmigración han, cada día máis numerosa (xa maioritaria no Xinjiang, segundo algunhas fontes), e o cerco imposto á súa cultura e relixión, cada día mais minorizadas no propio territorio. Por mais que a propaganda oficial intente disfrazalo, o cisma entre ambas comunidades semella evidente.

Coma no Tibet, a responsabilidade polo acontecido atribuiuse oficialmente a alguen de fóra (daquela o Dalai Lama e agora Rebiya Kadeer), limitandose as forzas da policía a poñer paz e garantir a calma, sendo ela mesma vítima tamén dos disturbios, que non foron debidos en ningún caso nin se agravaron como consecuencia da represión da policía ou das unidades militares. Segundo esa interpretación, o incidente foi provocado por unha minoría violenta e manipuladora que despreza e tenta socavar os importantes éxitos acadados polo goberno chinés na zona tanto en termos de desenvolvemento económico e progreso social como na convivencia étnica nun entorno certamente complexo (en Xinjiang viven 47 das 56 nacionalidades oficialmente recoñecidas en China). A represión subseguinte, sempre selectiva, e o incremento do dispositivo policial e militar xustificanse en función da necesidade de perseguir e deter aos culpables, aos que se aplicará o máximo rigor legal, é dicir, equiparando o seu comportamento a “alta traición” ao Estado, o que lles asegura a condena a morte en caso de culpabilidade. Aventúranse sentenzas exemplarizantes.

Pero con independencia de que as accións do 5 de xullo estiveran planificadas e mesmo foran consecuencia dunha manipulación (a utilización dun conflito entre hans e uigures nunha fábrica no sur da China onde dous uigures foron linchados, feito negado oficialmente), contaran co apoio do CMU no exterior e mesmo participaran nelas de forma activa algúns terroristas organizados co obxectivo declarado de facer o máximo dano posible, as causas principais están dentro e son inseparables da importante fractura cultural, de grandes proporcións, que separa, principalmente, a estas dúas comunidades: a auigur e orixinaria, e a han, inmigrante pero amplamente maioritaria na capital do Xinjiang.

Ademais, se ben é certo que os avances económicos de Xinjiang son incontestables en termos absolutos, tamén cabe sinalar que o modelo de desenvolvemento impulsado por Pequín presenta unha fasquía claramente neocolonial, nucleado arredor dunha colonización demográfica que actúa como motor dunha modernización condicionada polo seguimento do padrón chinés (han), baseada na explotación dos seus recursos minerais, o gas e o petróleo, que acentúa o proceso de sinización en condicións de ausencia absoluta de diálogo intercultural entre as diferentes comunidades.

O apartheid uigur, turcófonos e musulmans, consagrase co cerco policial e militar, dunha magnitude de certo espesor, que ven medrando dende os incidentes de Kashgar dos anos 90 e que foi a máis nos últimos anos, moi especialmente en 2008, por mor dos Xogos Olímpicos, cando o problema uigur se consideraba o principal referente dunha posible acción terrorista de gran impacto na capital chinesa.  

Fronte a este contexto negativo, a cooptación de certas elites locais a duras penas permite manter a mínima apariencia da integración das diferentes nacionalidades, con cupos que se observan con precisión mecánica en todos os niveis institucionais, pero sen dispoñer de canais específicos para facer valer auténticas prerrogativas de poder, sempre nas decisivas mans das autoridades do PCCh cun control reservado en exclusiva aos han.

Resulta evidente que o goberno chinés nunca renunciará de bo grado a Xinjiang ou a Tibet, territorios onde os desafíos á súa política son maiores. Son ricas en recursos e ambas gozan dunha gran importancia estratéxica, tanto en relación a India como a Asia Central e Medio Oriente. Os hidrocarburos de Xinjiang son indispensables para mellorar o abastecemento das ricas e desenvolvidas zonas costeiras do país. O control das reservas de auga da meseta tibetana é de grande valor hoxendía.

Políticas en conflito

É capaz o goberno chinés de indagar nas razóns da frustración local sen caer nas argumentacións propagandísticas e porlles remedio? Pode Pequín reconsiderar a súa política? A dinámica alentada nos últimos anos ten unha dobre característica: dunha banda, promovense os grandes investimentos co propósito de mellorar as capacidades económicas e as condicións sociais destas zonas, das mais atrasadas de China. O potenciamento dos servizos turísticos e a explotación dos seus recursos veñen xerando incrementos importantes do PIB local a ritmos descoñecidos con anterioridade. Iso explica o desconcerto de moitos han que non chegan a comprender de que se poden queixar algunhas nacionalidades minoritarias, habida conta que non só gozan de mais dereitos (privilexios na política demográfica ou educativa, por exemplo), senón que non dan aprecio ao esforzo inversor que está a facer o goberno central e que lles permite reducir a distancia en termos de desenvolvemento cos territorios mais avanzados do país.

Non obstante, cabe sinalar tamén que os beneficiarios principais do devandito proceso son as empresas que desembarcan neste territorio ou os inmigrantes chegados doutras zonas, principalmente han, convertidos en colonos da última fronteira chinesa. Doutra banda, ese proceso vai en parello a unha progresiva presenza da cultura han nestes enclaves, cunha forza arrasadora, mentres que as políticas oficiais respecto ás nacionalidades minoritarias priman a súa dimensión antropolóxica e turística, con vistas a integrar o feito cultural no sistema produtivo, cunha tolerancia cosmética que, á postre, ameaza con converter en parques temáticos culturas que, como a han, levan resistindose á destrución durante miles de anos. Ese “progreso liquidador” ameaza seriamente a preservación dos seus sinais de identidade máis elementais, comezando polos seus lugares e formas de vida e os modos de relacionaranse co medio natural.

Practicando un “paternalismo desconfiado”, o goberno chinés calcula que, a diferenza da pobreza e o atraso, causas do descontento, o desenvolvemento pode ser un poderoso modelador de identidades, uniformador de formas de vida e destrutor das diferenzas, reducidas neste caso a unha diversidade á baixa, carente de operatividade e expectativas reais, esmorecente e condenada á curiosidade museística. Non obstante, fronte á hipótesis da submisión “natural” derivada deste progreso, as tensións que tal proceso está orixinando derivan nunha exacerbación das respectivas identidades, vivindo cadansúa de costas á outra.

O incremento destas tensións e a “incomprensión” por parte de Occidente da actitude do goberno chinés (resumida na veneración por ese principio de asimilación na riqueza) está a provocar unha exacerbación do nacionalismo han, que denuncia as críticas como intromisións nos asuntos internos e chega a cualificalas mesmo de complot para desestabilizar o país e dificultar a súa emerxencia como gran potencia. Pero aínda que algo diso houbera, o problema segue estando dentro.

En quen pensan os chineses cando pensan na China? Pensan nos han. Os outros son outros, viven en territorio chinés pero son outra cousa. Se un pide un libro en Pequín sobre a cultura chinesa, o que recibirá será un libro sobre a cultura han. Falará das súas reliquias, da súa arquitectura, da moral, a literatura clásica, a gastronomía e as súas escolas, a artesanía, o folclore ou a medicina tradicional. Pero nin unha palabra sobre as outras culturas que podemos atopar na China pero que non son “chinesas”. Esa exclusión é sintomática.

Pode China frear o secesionismo? Como facelo? Dúas vías están sobre a mesa. A primeira consiste en acentuar o proceso actual, é dicir, acelerar o proceso de asimilación cultural das nacionalidades minoritarias, reforzar o dominio e presenza dos cadros han nos gobernos rexionais e provinciais das zonas autónomas, impulsar a creación de barriadas mixtas, consideradas menos conflictivas, promover a emigración das nacionalidades minoritarias a outras zonas de China co argumento do emprego, favorecer os matrimonios mixtos….. todo iso co obxecto de urxir unha plena e máis doada e rápida dilución das culturas resistentes (fundamentalmente a uigur e a tibetana) e facilitar o avance dominante da cultura han.

O outro camiño apunta nun sentido totalmente contrario. Significa apostar pola modernización da arquitectura institucional chinesa, suxerindo fórmulas que permitan avanzar no autogoberno das nacionalidades minoritarias, na asunción de responsabilidades, na plasmación dun código de conduta baseado na lealdade e no respecto mutuo, formalizando e reforzando cada vez máis o sistema autonómico e dotándono de contidos, normas e institucións que permitan o desenvolvemento das respectivas identidades.

Na reunión de urxencia do Comité Permanente do Buró Político do PCCh convocada polo presidente Hu Jintao no día 8 de xullo, despois de sair a toda presa de Italia para seguir de preto a evolución da crise, seica a postura triunfante foi a primeira, primando a idea de que non podía transmitirse unha sensación de “debilidade”. Ás portas do 60 aniversario da fundación da República Popular, de confirmarse ese acordo, filtrado por algúns medios, agárdanlle tempos ben duros ás nacionalidades minoritarias en China e momentos de especial tensión a todo o país, circunstancias que agravarán as dificultades para establecer un entendemento e diálogo racional cunha comunidade internacional que dificilmente entenderá que esta China moderna e protodemocrática bote man tan á lixeira da represión para tentar resolver un problema, evitar a hipotética desintegración do imperio, que só cabe encarar dende a política democrática, a única saída con auténtico futuro. Tempo ao tempo.