China medra coa crise

 Wen Jiabao no Parlamento chinés; clic para aumentar
Durante a sesión anual do Parlamento chinés celebrada en marzo pasado, o primeiro ministro Wen Jiabao (foto) anunciou unha previsión de crecemento para 2009 do 8 por cento, despois de atinxir o 9 por cento en 2008 ““que podería acabar sendo algo máis”“ a pesares da crise, das xeadas e do grave terremoto de Sichuan.
 

China podería converterse na segunda economía máis grande do mundo este mesmo ano ou, a máis tardar, en 2010, segundo se recolle nunha investigación da Universidade de Nottingham, unha previsión que ata hai pouco se proxectaba arredor de 2018, nunca antes. Este novo salto absoluto chinés viría determinado polo estancamento das economías de países como Xapón, Alemaña, Reino Unido e Estados Unidos, todos eles en plena recesión e con notorias dificultades para recuperar os niveis de produción que tiñan en 2007 antes de 2011 ou 2012. O retroceso das economías máis desenvolvidas facilitaría o ascenso de China na clasificación global mundial.

Durante a sesión anual do Parlamento chinés celebrada en marzo pasado, o primeiro ministro Wen Jiabao anunciou unha previsión de crecemento para 2009 do 8 por cento, despois de atinxir o 9 por cento en 2008 ““que podería acabar sendo algo máis”“ a pesares da crise, das xeadas e do grave terremoto de Sichuan. Algúns analistas advirten a presenza de certos indicios de revitalización na economía chinesa, aínda que outros salientan a necesidade de estremar a cautela e agardar a que a tendencia de repunte afirme unha maior solidez. O Plan de relanzamento da economía chinesa aprobado polo goberno central e por un importe de 4 billóns de iuáns pode ser unha grande oportunidade para que poida crecer por dentro, encarando os seus grandes problemas estruturais e fortalecendo unha orientación produtiva máis virada para os mercados internos e menos dependente das exportacións. O ambiente, as novas tecnoloxías, as infraestruturas, especialmente no medio rural, os servizos, etc., abren, coa crise, novas expectativas de estimulo que poden contribuír a cohesionar mais e mellor o sistema produtivo e a sociedade chinesa, que aínda presenta graves facturas internas. Esa necesaria mirada cara o interior, xa en axenda previamente pero agora incorporada como imperativo inexorable, pode ser complementaria desa outra que, en termos de adquisicións e investimentos, promoveron os dirixentes chineses nos últimos tempos visitando os catro continentes e amosando a súa disposición a cooperar para atopar unha saída á crise e frear as tendencias proteccionistas.

O certo é que aínda pasando China a ocupar a segunda praza no ranking das economías mundiais, de pouco valen eses números absolutos. A pesar da súa transcendencia e inocultable significado, o realmente importante é que o PIB per cápita de China segue a ser baixísimo. Ese é o verdadeiro indicador do progreso económico deste inmenso país que, a pesar dos indiscutibles avances experimentados nas últimas décadas, presenta aínda trazos de acusado subdesenvolvemento en numerosos territorios da súa xeografía. Segundo o último informe do Banco Mundial, en termos de paridade de poder de compra, China con 5.370 dólares, está clasificada por detrás de países como Exipto, O Salvador ou Armenia. O investimento en benestar, indispensable en tempos de crise para amortecer a crispación social, constitúe unha demanda básica para proporcionar esa seguridade elemental que pode estimular o consumo e reducir esas altísimas taxas de aforro tan presentes e habituais na que, quizais pronto, será a primeira economía de Oriente.