Malos fumes

O debate sobre as cuestións ambientais vai gañando calado na China . Despois de varias décadas de desenvolvemento acelerado baixo o principio de “primeiro producir, despois limpar”, nos últimos anos, á par da necesidade de formular un novo modelo de crecemento menos dependente das exportacións, da man de obra barata e do investimento exterior, está a xurdir unha nova conciencia ambiental. Unha China moderna e poderosa precisa dun desenvolvemento con gran valor engadido, tecnicamente avanzada e respectuosa co medio. Así, case dun día para outro, volveuse común na China o uso de bolsas de tela ou o cesto da compra, en lugar das bolsas de plástico, cun consumo cada vez máis reducido, xunto ao aforro de enerxía ou a preocupación pola redución das emisións de gases contaminantes. Non obstante, os desafíos que China ten por diante neste aspecto (polución, chuvias ácidas, acceso a auga potable, aumento da temperatura na meseta Qinghai-Tibet, etc), tanto no eido estrutural como no da conciencia social, son enormes. A terceira economía do mundo é das máis contaminadas do planeta. Estimase que uns .000 chineses morren prematuramente por mor da contaminación do aire e da auga.

Pero non é só economía. A ecoloxía é parte inseparable hoxe da estabilidade social. Os recentes casos de nenos contaminados con chumbo (en Hunan e en Shaanxi) e outros escándalos ecolóxicos graves en diferentes provincias alertan do incomodo existente. As autoridades pechan fábricas e amoestan a unhas autoridades locais que incumpren sistematicamente as previsións legais ao tempo que prometen mais transparencia e mais respecto para os activistas e movementos ecolóxicos fustrigados (e castigados con penas de cárcere) con pretextos diversos cando amosan sinais de resolución e independencia de criterio respecto ás autoridades. O mes pasado, por primeira vez, dous procesados eran condenados a penas de cárcere por contaminación ambiental, responsables de verter residuos tóxicos dunha planta química a un rio local, a principal fonte de auga potable dunha cidade de máis de 200.000 habitantes.

As prioridades centrais mudaron e a sensibilidade ambiental medrou de forma significativa se a comparamos coa existente hai un lustro. Non obstante, vencer as resistencias locais e dobregar os intereses de curto prazo dalgunhas corporacións non vai ser tan doado coma substituír as bolsas de plástico polas cestas de vimbios. Pero non hai outro camiño responsable.