Chen Guangcheng

Todos cegos

Aínda que Chen Guangcheng non viaxou a EEUU no avión de Hillary Clinton tralo remate da nova edición do Diálogo Estratéxico e Económico China-EEUU, todo parece indicar a existencia dun pacto entre ambos países para que nos vindeiros días ou en poucas semanas poida abandonar China coa súa familia baixo o eufemismo de “ir estudar ao estranxeiro”.

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

Chen GuangchengAínda que Chen Guangcheng non viaxou a EEUU no avión de Hillary Clinton tralo remate da nova edición do Diálogo Estratéxico e Económico China-EEUU, todo parece indicar a existencia dun pacto entre ambos países para que nos vindeiros días ou en poucas semanas poida abandonar China coa súa familia baixo o eufemismo de “ir estudar ao estranxeiro”.

O episodio é revelador, sobre todo, da capacidade de ambos países para escenificar os acordos e desacordos á hora de xestionar a axenda bilateral sen practicamente inmutarse, reducíndose significativamente as posibilidades de xurdimento de crises serias no entendemento recíproco. Así aconteceu mais recentemente con outro asunto sensible, as vendas de armas a Taiwán. A reacción de Beijing non se apartou do guión: protestas airadas de cara ao consumo interno e acordo básico no esencial sen deixar que condicione a normalidade acadada no diálogo en materia de defensa, por exemplo. Neste caso concreto, China, tanto polas eleccións en EEUU como pola inminencia do XVIII Congreso do PCCh, amosou unha dilixencia especial.

O caso, non obstante, é revelador de máis cousas. Primeiro, da intención de EEUU de seguir poñendo en dificultades aos dirixentes chineses naqueles temas clave (dereitos humanos, Tíbet, Taiwán…) que evidencian a súa vulnerabilidade. Esa presión é indisociable da política de contención que, combinada coa cooperación, tenta influír no rumbo político e económico do xigante asiático, mesmo ata o punto de contrariar o virtualismo hexemónico que tantos predican. Por outra banda, con cada caso de represión, agrávase o abismo de China con boa parte da comunidade internacional, sendo incapaz de rendabilizar en simpatía os enormes avances experimentados polo país en numerosos aspectos nos últimos corenta anos. O sistema político é un lastre que se ben asegura conxunturalmente pode asegurar o control social por parte do PCCh, consolidase como un desafío inaprazable para consumar esa harmonía, interna e externa, que reivindica como obxectivo central da súa política. Os cambios neste eido, como ten afirmado o primeiro ministro Wen Jiabao, son urxentes; cambios que non deberan necesariamente emular as sociedades occidentais, onde os déficits democráticos medran a pasos axigantados, pero si garantir en calquera caso a plena vixencia das liberdades básicas.

Poda que non anden de todo desencamiñados aqueles que denuncian a parcialidade da comunidade occidental na defensa dos dereitos humanos, determinada por razóns de conveniencia e intereses xeopolíticos. É sobradamente certo que a autoridade moral dun EEUU que alberga monstruosidades como Guantánamo ou que se inhibe ante o drama que se vive en Palestina, redúcese a niveis lamentables. Non obstante, iso non quita para que China, motu propio, avance nesta materia empezando por respectar a propia legalidade interna. Simplemente con iso sería capaz de xerar convulsións democratizadoras como a vivida na aldea de Wukan, na provincia de Guangdong.

Esa democratización garante mellor a estabilidade e a preservación da soberanía nacional que a obtusa insistencia na defensa dun modelo que vai a contracorrente dunha historia que só pode ter futuro se é quen de combinar os avances sociais e económicos co respecto aos dereitos civís e políticos. ¿Quen está máis cego?