A nova institucionalidade de Hu Jintao

É case un tópico que nos sistemas políticos afastados das regras democráticas, os cambios na dirixencia son moi difíciles de dixerir e están inevitablemente abocados a situacións traumáticas, intrigas e crises que poden arrastrar depuracións, disidencias e todas as penalidades imaxinables que acaban por debilitar enormemente as propias capacidades do país e desnaturalizan absolutamente o ideario emancipador que acostuma acompañar estes procesos. Por desgracia, hai exemplos abondo na literatura política destas manifestacións. Na China tamén nisto semellan querer singularizar as súas peculiaridades.

A retirada de Jiang Zemin no último pleno do Comité Central do Partido Comunista cabe inxerila nese intento por establecer unha nova institucionalidade que, sen copiar do modelo occidental no que a alternancia por vía electoral resolve a forma do problema, defina unhas regras de xogo que todos deben de aceptar. Esas regras (ninguén maior de setenta anos no Politburó, ninguén mais de dous mandatos consecutivos, consenso para a elección dos dirixentes principais, etc.) constitúen toda unha revolución no exercicio do papel dirixente do Partido, algo que estaba na mesa dos debates desta xuntanza e que actuou como fío conductor esencial dos demais problemas, mais usuais neste tipo de encontros: a separación do estado-partido, o respecto da lei e do dereito, etc.

Uns días antes desta reunión, Hu Jintao proclamaba ante o Parlamento que China nunca seguiría o rumbo dos países occidentais. Hu insistiu na definición dun modelo propio, acaído ás súas propias necesidades. A declaración serviu para explicitar solemnemente que non habería cambio de rumbo, que Jiang Zemin podería abandonar o último cargo que lle restaba, a presidencia da Comisión Militar Central, con total tranquilidade. Pero tamén enfatizaba esa outra idea: somos capaces de definir unha institucionalidade diferente, de establecer mecanismos de sucesión civilizados e pactados sen que ninguén tema unha crise política que dane a estabilidade do país ou supoña o traslado para o desterro ou o cativerio.

Que Jiang aceptara renunciar antes de tempo (as resistencias foron importantes) revela sen dúbida a habilidade e eficacia de Hu Jintao, pero tamén a existencia dun colectivo importante no seo do liderado chinés que aposta por asentar novos métodos de dirección, novos procedementos, máis regulares, mais dignos de confianza, para os seus propios membros e para o conxunto da sociedade.

Nun país de mais de mil trescentos millóns de habitantes, soamente un ten todo o poder. Hu Jintao acumula os principais cargos de responsabilidade, no Partido, no Estado, no Exército, pero o exercicio dese poder deberá facerse colexiadamente, con esa elite competente e moderna, cadros coidadosamente seleccionados e preparados durante vinte anos. Coma o propio Hu Jintao, promovido e designado por Deng Xiaoping. Todos respectaron a súa vontade.

O efecto desta nova situación sobre o Partido non soamente é moralizante senón tamén motivo de orgullo e de confianza para perseverar no camiño elixido, afirmando esa autonomía que caracteriza todo o seu proxecto modernizador. Importa agora especialmente que esta sucesión ordenada e felizmente culminada non se resuma nunha excepción e consolide, ademais do poder de Hu Jintao, un novo equilibrio que facilite avances na democratización e no desenvolvemento do país.