A opción Sur

¿Medran os valedores da opción Sur? A recente xira africana do presidente chino, Hu Jintao, deixa entrever a esperanza dunha nova linguaxe e, confiemos tamén, dunha nova práctica da cooperación internacional. África, e en xeneral, os países en vías de desenvolvemento constituíron sempre unha referencia de primeira orde no discurso contemporáneo chinés, marcado pola defensa dun terceiromundismo alternativo aos bloques de poder que, sen embargo, non tiña visos de realización polas insuficiencias económicas de Pequín. A mudanza experimentada nas últimas décadas permite a China contar con recursos antes inexistentes, para desenvolver unha política específica e rica en contidos cara os países do Sur, do que ela tamén, pese a todo, aínda forma parte. O pragmatismo, sen embargo, nota característica do reformismo chinés, podería entrabar esa orientación, primando o achegamento á OMC e as súas regras, causante principal, aínda que non única, dos profundos desequilibrios que azoutan o mundo actual.

A política africana de China incorpora intereses de tipo estratéxico fundamental. En primeiro lugar, o acceso a materias primas, incluídos os recursos enerxéticos, unha preocupación básica. A parada de Hu Jintao en Gabón a primeiros de febreiro tiña por finalidade asinar un contrato para abastecerse de petróleo e colaborar na busca de novas explotacións. En Alxeria, parada anterior, constrúe refinarías e participa en varios xacementos. Angola ou Sudán son socios esenciais. China é xa o segundo consumidor mundial de hidrocarburos, e as súas necesidades crecen a unha progresión galopante.

Ademais do enerxético, está o factor Taiwán. Reducir á mínima expresión o número de países que recoñecen a Formosa, é un obxectivo político de máxima importancia. O ano pasado foi Liberia quen cambiou de bando, desbloqueándose a creación dunha Misión de Nacións Unidas neste país na que participan cinco centos soldados chineses, a maior cifra de presencia china en operacións de mantemento da paz. Soamente quedan sete países en toda África que recoñecen a Taiwán. E as duras críticas de Chirac á convocatoria dun referendo na “illa rebelde” para o próximo 20 de marzo, presaxian, dada a súa influencia en África, prontas e novas baixas entre os partidarios de Taipei. Non manter relacións con Taiwán é a única condición política que impón Pequín para cooperar.

Pero a carón deses elementos de primeirísima importancia, China abre outros camiños. Os tradicionais, créditos sen intereses, están presentes; pero tamén está a desempeñar un significado papel en materia de transferencia de tecnoloxías ou de capacitación de persoal, multiplicando as estadías formativas en China de cidadáns africanos. Moitas das infraestructuras básicas do continente están a ser construídas por eles. En Gabón, por exemplo, constrúen a sede do Parlamento e logo continuarán co edificio do Senado. Tamén a chamada Cidade da Información. En Maputo (Mozambique) construíron o Centro de Conferencias. Na República Centroafricana, dende vivendas sociais a estadios de fútbol. O 44% de toda a axuda exterior chinesa vai parar a África.

O discurso contra o hexemonismo e a lei do mais forte é ben acollido no Sur, sobre todo se ven acompañado de preocupacións sinceras por favorecer o seu desenvolvemento. A idea da co-prosperidade que postulan China ou Brasil pode contribuír á xeración desas realidades alternativas que tanto se precisan.