A saúde de Taiwán

Non é a economía o que máis preocupa en Taiwán. No primeiro trimestre do corrente ano, o crecemento ascendeu a un 0,89 por cento, máis do 0,52 previsto, ata o punto de que fontes gobernamentais reaxustaron cara arriba o seu prognóstico da taxa de crecemento para o presente ano, do 2,29 ao 2,55 por cento.

Apartados xeográficos China e o mundo chinés ARQUIVO
Idiomas Chinés

A economía de Taiwán, asegura Lin Chuan, responsable de estatísticas e orzamento do Yuan executivo (gabinete), comezou a recuperarse, despois de sufrir unha recesión durante tres trimestres consecutivos a partir do segundo trimestre do ano pasado. Os datos do Banco Mundial sinalan que a economía dos tres tigres asiáticos (Hong Kong, Taiwán e Singapur) contraeuse un 1,3 por cento como promedio en 2001, despois de crecer un 8 por cento en 2000, pero prevé que este ano crecerán un 2,4 por cento, e máis do 4 por cento en 2003.

Non é pois a saúde da economía o que máis preocupa en Taipei actualmente, senón o novo revés experimentado pola súa diplomacia nese titánico esforzo por dar o salto do mundo da economía real, donde está excelentemente situado, ao da política e da sociedade internacionais, donde apenas existe como convidado de pedra. As aspiracións a obter un mínimo recoñecemento da solicitude de ingreso como país observador na Organización Mundial da Saúde, reunida en Xenebra na 55ª Asemblea Mundial, foron rexeitadas amplamente. O veto continental, co apoio de países como España, impediu a inclusión da proposta na axenda. O mesmo mundo é quen de celebrar o nacemento de Timor como estado 192 e negar a existencia formal dun país que hoxe se sitúa entre as principais potencias económicas e comerciais do planeta. Shuh-Min Wu, presidente da Fundación da Alianza Profesional Médica de Taiwán, recén chegado de Xenebra, diciame en Taiwán que o contencioso con China continental non debería obstaculizar a colaboración en ámbitos elementais coma o humanitario. Se foi doado o entendemento no caso do ingreso na OMC, onde os mesmos principios que aquí se esgrimen como escusa insalvable foron obviados para non prexudicar o mundo do diñeiro, por qué non imaxinar fórmulas que procuren un achegamento aceptable para todos en beneficio das persoas? Taiwán reclama na OMS un status similar ao de Palestina, aínda que Palestina nin é estado de feito nin de dereito, senón, desgraciadamente, a penas un montón de escombro.

No fondo da polémica está a estratexia de China continental para a unificación, pero tamén razóns de oportunidade máis inmediatas. No ecuador do seu mandato e cun mapa político en extremo cambiante, o presidente Chen Shuibian deberá afrontar este ano varios retos electorais en xuño e decembro, e Beijing carece do mais minimo interese por agasallalo cunha tímida normalización de relacións. A recente proposta de enviar á capital chinesa unha representación do gobernante PDP (Partido Democrático Progresista) foi rexeitada polos dirixentes de Zhonnanghai. A pesar dos esforzos de moderación impulsados por Chen a propósito da estratexia independentista do seu movemento, cada día menos explícita, en Beijing non existe confianza nas súas palabras e, paradoxalmente, prefire entenderse cos seus vellos inimigos do Kuomintang, hoxe en epoca de vacas flacas e en franca retirada, acuciado por escisións e desercións sen aparente fin.

O caso do ingreso de Taiwán na OMS é paradigmático das hipotecas da posición chinesa a respecto da unificación, un empeño histórico difícilmente resistible por Taipei pero que gañaría máis aliados e comprensión na illa cunha actitude continental que estendera os pingües negocios que realiza cos empresarios taiwaneses a un ámbito político que atraería as novas xeracións de taiwaneses para a causa da construcción dun gran país unido e próspero.

a saude de taiwan