A un tiro da victoria

Contra case todo prognóstico, Chen Shui-Bian gañou as eleccións presidenciais en Taiwán. O presidente saínte fixo unha campaña moi intensa, mobilizando a boa parte do seu electorado e facendo xirar o debate electoral arredor das relacións coa China, tema inevitable en Formosa e no que se sentía especialmente cómodo pero que desta vez ía aderezado coa celebración en paralelo dunha primeira consulta plebiscitaria na que os taiwaneses debían expresar o seu parecer sobre a conveniencia de armarse máis para defenderse mellor dos mísiles que apuntan á illa desde o continente e sobre a naturaleza do diálogo coa China que, en opinión de Chen, debe ser de igual a igual.

Moitos observadores calculaban que Chen gañaría a consulta pero perdería a elección. A súa victoria en 2000 explicouse en boa medida pola división nas filas do vello Kuomintang, que daquela experimentara unha escisión dando lugar ao Partido Pobo Primeiro, de James Soong. A raíz das eleccións parciais locais de 2002, ese cisma quedou superado, cimentado cunha victoria inapelable en Taipei e unha derrota por moi pouco en Kaoshiung, a segunda cidade do país. Chen non partía como favorito e foi sempre por detrás do candidato opositor, Lien Chan, se ben ao comezo da campaña o número de indecisos era moi alto.

A inesperada derrota do Kuomintang desatou os nervios nesta formación. Lien Chan non acepta os resultados, viciados, di, por un atentado escuro e altamente beneficioso para Chen Shui-bian, a quen acusa de tramposo. Sen ese oportuno tiro na barriga, do que se recuperou en a penas cinco horas, o escrutinio podería presentar un signo moi diferente. Aínda así, foron moitos os votos anulados, uns trescentos mil (tres veces máis que na elección pasada e deles mais da metade en Tainan), que de ser revisados poderían deixar no aleiro a pírrica victoria de Chen, por escasos trinta mil sufraxios. Na actitude que adopte a Comisión Electoral Central ante as reclamacións guomindanistas descansará a lexitimidade do novo presidente. Taiwán enfronta a máis dura proba do seu proceso político dende o desmantelamento do sistema autoritario que implantara Chiang Kai-shek despois do triunfo de Mao no continente.

O carácter instrumental da consulta quedou de manifesto na valoración política que Chen realizou dos resultados na noite electoral. Nin unha soa mención á baixa participación no plebiscito, case a metade da rexistrada na elección presidencial, e inferior ao mínimo esixido do 50% para outorgarlle validez. Os electores taiwaneses dan a entender así que nas relacións con Beijing, se un opta pola vía da confrontación e mais no plano militar, leva todas as de perder. En calquera caso, non parece que ese fracaso vaia influír notoriamente en Chen quen non mudará a súa orientación soberanista por este resultado; de feito, xa anunciou a elaboración dunha nova Constitución para 2006 na que a identidade taiwanesa debe quedar cabalmente reflectida con signos de diferenciación claros a respecto da China continental.

Os resultados, positivos polo fracaso do referendo pero preocupantes pola victoria de Chen, seguirán espertando os receos de Beijing, quen tratará de facer valer as súas relacións con Washington para templar os ánimos en Taipei. O prezo a pagar non será barato. China é capaz de invadir o mundo, por moi afastado que estea, cos seus productos pero non é quen de espertar o patriotismo dos taiwaneses, que están a un tiro de pedra das súas costas. As distancias enganan.