China, a sucesión no aire

A filtración dos chamados documentos de Tiananmen, moi probablemente auténticos, nos trasladan dunha loita a outra. Os preparativos do XVI Congreso do Partido Comunista Chinés están en marcha. Jiang Zemin, aínda sen clarificar o seu futuro papel no Partido, deixou claro que non repetirá no cargo de Presidente do Estado. Hu Jintao, actual vicepresidente, de 57 anos de idade, constitúe a súa máis firme aposta na carreira sucesoria, solución avanzada e pactada xa en 1997. O cambio que se aveciña nos próximos dous anos é moi importante pois tanto Zhu Rongji, de 70 anos de idade, como Li Peng, non repetirán nas súas respectivas responsabilidades, goberno e parlamento. Trátase dun acordo asumido e que no seu día animou a xubilación de Qiao Shi, anterior presidente do parlamento, con 73 anos, para evitar, entre outros, a irónica caricaturización do Buró Político: “cinco vellos con catro dentes”.

Jiang Zemin ten os seus propios plans e conta unicamente con reservarse por un tempo a presidencia da Comisión Militar Central, a imaxe e semellanza do seu padriño político, Deng Xiaoping. As resistencias de Li Peng, unha especie de Chernenko chinés, a aceptar a súa xubilación poden malogralos. A actitude de Li Peng non é de mera oposición senón que manobra para restar apoios a Jiang Zemin no seo dos órganos dirixentes do Partido. Basten dous exemplos. No pleno do Comité Central celebrado o pasado mes de outubro na capital chinesa, Jiang non conseguiu incorporar ao Buró Político ao seu próximo Zheng Qinghong, actual membro suplente e integrante do Secretariado. Por outra banda, moitos vaticinan a caída inminente de Jia Qinglin, outro home de Jiang Zemin, membro do Buró Político e secretario do Partido en Beijing, que algunhas fontes relacionan con entramados de corrupción e contrabando.

Aínda que é verdade que no clan de Jiang Zemin se advirten certas zozobras, a figura de Li Peng provoca rexeitamento social na China. Por iso, a revelación dos documentos é moi oportuna pois evidencia o seu compromiso coa represión do movemento de 1989. Se Jiang non se beneficia diso pois a súa implicación naquela operación, aínda que menor, se orientaba na mesma dirección, pode conseguir cando menos frear a Li Peng e inclusive apartalo da carreira sucesoria, despexando o camiño aos posibles sucesores. En todo caso, todo fai pensar que o acordo de 1997 está roto e a loita sucesoria non fixo máis que comezar.