Das cen flores ás tres representacións

A escasas semanas de reunirse o Congreso do Partido Comunista da China, arrecia o debate sobre a proposta de Jiang Zemin de incluir na filosofía e na política do comunismo chinés, a súa teoría das “tres representacións”. Son os seus últimos cartuchos pois nas últimas décadas, na política chinesa, ninguén pode repetir máis de dous mandatos. Especúlase, non obstante, con que manterá por un tempo a presidencia da Comisión Militar Central, se ben, para sorpresa de moitos, podería non ser así.

A iniciativa de Jiang lembra a campaña das cen flores (1956-57) que tiña por obxecto incorporar aos intelectuais e científicos ao proceso revolucionario. Despois de dous anos de debate, o gran salto produciuse no discurso pronunciado o 31 de maio pasado na Escola central do Partido, presentando a súa teoría como unha nova reforma política, a de máis calado en tempos da gaige e a kaifang, iniciadas a finais dos anos setenta do século pasado. O obxectivo sería a modernización do Partido e por engadido, dada a posición clave que ocupa no sistema político chinés, de todas as estruturas estatais e sociais. Esto é coherente con unha das grandes liñas do proceso reformista, a modernización, pero ¿tamén coa inalterabilidade política? A evolución presenta a seguinte faciana: en 1978 se falaba de tomar a economía planificada como factor preponderante e a función reguladora do mercado como auxilio; en 1984, de construir unha economía mercantil planificada socialista; en 1992, de instaurar un sistema de economía de mercado socialista; unha emenda constitucional en 1999 recoñecía que China permanecería no estado inicial do socialismo durante un longo período… o cal demora ad infinitum a chegada da sociedade prometida e permite seguir experimentado sen límites no presente.

Jiang, moi distanciado daquela etiqueta, errada, de conservador que emerxe das ruinas dos sucesos de Tiananmen (1989), fala da necesidade de acompañar os procesos de cambio en China e no mundo, de estimular novas formas de pensar, de integrar ás novas clases sociais emerxentes para conseguir que o Partido Comunista se transforme nun partido de todo o pobo. As tres representacións pretenden servir de argumento ideolóxico para facilitar o achegamento do mundo da empresa, da cultura, da ciencia, dos sectores máis dinámicos da sociedade contemporánea, evitando a fosilización do Partido. Moi atrás queda o discurso do combate aos inimigos do proletariado, en pleno auxe en 1989.

Os cambios que pretende Jiang e que sancionará o XVI Congreso con escasa oposición, provocarán unha recomposición ideolóxica do Partido e, sobre todo, porán en tela de xuizo os tabús da reforma que Deng enunciou para evitar a deriva capitalista do proceso: a dictadura do proletariado, o papel dominante do Partido, a perseverancia na vía socialista e o pensamento marxista-leninista e de Mao. Diluindo a rixidez destes enunciados, probablemente Jiang aspira a fagocitar os novos sectores sociais emerxentes evitandolle as tentacións de propiciar fórmulas alternativas de organización dos seus intereses que poderían a medio prazo cuestionar o papel do Partido.

Da consideración de vangarda ao interclasismo, sen medo á socialdemocratización, hai quen propón xa un cambio de nome, a introducción de cambios na organización dos Congresos para facelos máis participativos, a extensión da experiencia das eleccións dos comités de aldeanos ao ámbito urbán… Promete ser este un outono novidoso en China, aínda que nada se sabe a cencia certa do parecer de Hu Jintao, o sucesor de Jiang Zemin, que debería xestionar a fondo o novo discurso sen medo á reestructuración do sistema. Unha razón a máis que xustificaría a presencia entre bambolinas por un tempo do propio Jiang. Podemos estar ante a reinvención da reforma.