Nauru cambia de China

Mentres o presidente de Taiwán, Chen Shui-bian, anunciaba ante o décimo Congreso Nacional do gobernante Partido Democrático Progresista (PDP) celebrado hai algo máis dunha semana, a súa vontade de sincronizar as actividades do Partido e do goberno, asumindo a dirección de ambas xefaturas nun Congreso extraordinario a celebrar en abril próximo, a axencia continental Xinhua comunicaba o establecemento de relacións diplomáticas coa República de Nauru quen decidira rachar os seus vínculos con Taipei, establecidos en 1985. A escenificación do acordo en Hong Kong levaba implícita unha mensaxe a Taipei para aceptar a fórmula “un país, dous sistemas”. Que o soberanista Chen Shui-bian perda aliados exteriores, en véspera dun proceso electoral, lle vai procurar importantes críticas no interior e debilita un pouco máis a súa capacidade de negociación co continente.

Nauru é unha pequena illa da Micronesia de pouco máis de dez mil habitantes pero cunha das densidades de poboación máis altas do mundo. Non forma parte de Nacións Unidas e o seu benestar xira no fundamental arredor da explotación de fosfatos. Eligido en 1995, o seu presidente, Rene Harris, decidiu aceptar o ofrecemiento dunha cuantiosa axuda económica de Beijing e a asunción dunha débeda millonaria coa empresa estadounidense General Electric. A diplomacia do dólar, exercida unhas veces por China e outras por Taiwán, é un valioso salvavidas para países en crisis. Coa perda de Nauru, Taiwán manten relacións diplomáticas con 27 países.

A batalla diplomática é unha das frontes máis activas da mutua rivalidade chinesa. O duelo abarca desde o Pacífico Sur a América Central, pasando por Nacións Unidas. Despois de perder o recoñecemento de Sudáfrica, a maior parte dos países cos que Taiwán manten relacións diplomáticas normais son pequenos ou pobres ou as dúas cousas á vez. Probablemente, quen recoñece a Taiwán é porque ten pouco que perder ao porse da súa banda ou porque consigue a cambio unha considerable axuda económica e técnica que doutro xeito probablemente non obtería. As dúas Chinas son víctimas da súa propia loita cando algúns países deciden xogar a ver quen da máis (Senegal xa cambiou de aliado en tres ocasións, Papúa Nova Guinea en dúas, etc). África é un escenario privilexiado desta particular contenda e unha das poucas esperanzas que aínda lle restan a este continente para atraer a atención de países terceiros. Para China, ademáis do interese por limitar a proxección exterior de Taiwán, ten outro engadido importante pois estes países secundan as súas posicións cando nalgúns organismos internacionais se discuten resolucións de condena pola violación de dereitos humanos.

Taiwán investiu moitos recursos nesta política de recoñecementos que combina co cultivo de lazos non oficiais. O seu interese non é soamente inmediato senón tamén estratéxico. Manter un certo nivel de recoñecemento exterior constitúe un argumento de peso para soster a súa esixencia de ser tratado como un Estado de dereito e reivindicar o seu lexítimo dereito a participar, como un máis, no sistema de Nacións Unidas. Por outra parte, na hipótese de que se produza un empioramento das relacións de China con Estados Unidos, está segura de rendabilizar moito máis un investimento que non poucos hoxe critican por dispendioso.

A deserción de Nauru constitúe un novo revés para os intentos de Chen Shui-bian de restablecer a vía de diálogo institucional con China e entre os dous partidos gobernantes. Á defensiva e cada vez máis presionado polos lobbies do mundo dos negocios que observan con moita reticencia as orientacións pro independentistas do PDP, Chen comproba o imposible da cohabitación co veciño continental e o difícil que resulta convencer ao empresariado do inoportuno dunha excesiva exposición económica para a política de seguridade do país. Como me aseguraba hai unhas semanas Jiann-fa Yan, director do Departamento de Asuntos Chinos do Partido Democrático Progresista de Taiwán, a diplomacia presidencial gañou moito enealismo adaptando o seu discurso ás circunstancias. Pero, como no caso de Nauru, non impediu a sucesión de novas adversidades.