20041116bos aires hu jintao e nestor kirchner

O amigo chinés

 Hu Jintao e Nestor Kirchner
En boa medida, a visita de Hu Jintao é devolución da efectuada neste mesmo ano por Kirchner e Lula ao xigante asiático, pero se inscribe na recíproca importancia que China concede a esta rexión e no crecemento exponencial dos vínculos bilaterais, especialmente na orde económica, superando xa a Xapón como principal mercado das exportacións de América Latina ao continente asiático. (Foto: Hu Jintao e Nestor Kirchner en Bos Aires, 16/11/2004).
 

Camiño dun novo cumio da APEC, a xira de Hu Jintao, presidente chinés, por Brasil, Arxentina, Chile e Cuba, está xerando unhas enormes expectativas en América Latina, evidenciando con nitidez o crecente peso que o país asiático está adquirindo en gran parte da rexión. En boa medida, a visita de Hu Jintao é devolución da efectuada neste mesmo ano por Kirchner e Lula ao xigante asiático, pero se inscribe na recíproca importancia que China concede a esta rexión e no crecemento exponencial dos vínculos bilaterais, especialmente na orde económica, superando xa a Xapón como principal mercado das exportacións de América Latina ao continente asiático.

O anuncio dun “megaplán” de inversións millonarias en Arxentina, parcialmente desmentido por Pequín, é ben indicativo do salto que se está producindo. Kirchner foi incapaz de manter a discreción, pero, rebaixado ou non, o plan existe. Arxentina é o país da rexión que máis incrementou o seu comercio con China nos dous últimos anos, en especial as súas exportacións. En Brasil, o entusiasmo non é menor; de feito, converteuse no principal socio latinoamericano e Lula pensa en China como un aliado estratéxico para avanzar na configuración dun mundo multipolar. Cuba se atopa en cuarta posición e é un destino turístico privilexiado para os chinos podentes.

Sexa como fora, un dato parece incontestable: China empeza a contar e moi forte nas relacións exteriores, económicas e políticas, de América Latina. E viceversa. Xa non é aquel socio exótico ao que lles unía o feito de ser, como eles, un país en vías de desenvolvemento, pero do que os afastaba o desigual resultado das reformas aplicadas na última década, exemplo matizado nun caso do éxito e do que nunca se debe facer noutro, ata o punto de que en China se falou e se fala de evitar a latinoamericanización da reforma pola súa connotación abertamente negativa.

Que se lle perdeu a China en América Latina? O xigante asiático busca tres cousas. En primeiro lugar, sendo o desenvolvemento a súa principal prioridade e preocupación, os recursos naturais, sexan alimenticios, minerais ou enerxéticos, desenvolvendo ao efecto unha política de inversións que lle asegure un fácil acceso e explotación, coa única excepción, quizais, de Brasil, cun superior desenvolvemento que favorece outras implicacións de naturaleza tecnolóxica (satélites ou enerxía nuclear).

En segundo lugar, fortalecer os vínculos políticos como prioridade paralela á intensificación das relacións económicas, estimuladas polo desenvolvemento chinés e que axudan á recuperación dunha zona que, non o esquezamos, padeceu tres crises financeiras na última década. Para China soamente podería falarse dun novo nivel nas relacións económicas ao establecerse un marco de diálogo máis rico no político. Chile, por exemplo, pensa en sumarse ao reducido grupo de países que recoñecen a China o status de economía de mercado, algo ao que se resisten a inmensa maioría dos membros da OMC. Brasil podería seguir o mesmo camiño, segundo adiantou o mesmo Lula na súa estancia en Pequín de maio pasado.

En terceiro lugar, Taiwán, que no continente americano dispón do grupo máis importante de países que o recoñecen diplomaticamente, en especial no área centroamericana e do Caribe. Paraguai é o único país do MERCOSUR que aínda non estableceu relacións diplomáticas con China e pode que non tarde moito. O fortalecemento de todos estes vínculos cos principais países da rexión pode axudar a reducir a presencia política de Taiwán, asunto de primordial importancia para China.