O Ano da Cabra

Para os chineses, o 2003 é o ano da Cabra. Segundo a astroloxía oriental, é o signo máis creativo de todos, dócil e apacible. Pero tamén con enorme capacidade para a sorpresa e a confusión. E, á vista dos acontecementos, debe ser esta a percepción dominante neste comezo do novo ano lunar cando o conxunto da sociedade chinesa está sacada de quicio polos temores xurdidos coa pneumonía asiática.

Hu Jintao, que iniciou en marzo o seu mandato como Presidente do Imperio do Medio, debe afrontar, ademais, a crise polo afondamento dun submarino no Mar Amarelo, coa morte de toda a súa tripulación;unha severa ola de incendios que arrasou enormes extensións de territorio no norte do país, en Heilongjiang e Mongolia Interior, destruíndo todo ó seu paso, incluídos numerosos edificios de vivendas. As desgracias nunca veñen soas, nin aquí, nin na China.

No ámbito socio político, a primeira consecuencia destes episodios, en especial no da pneumonía atípica, é a demanda dunha maior transparencia, indispensable para coñecer a dimensión da enfermidade e poder freala. No asunto do submarino, ningún goberno de ningún país do mundo daría información “exhaustiva” e pormenorizada da traxedia, procurando poñer a bo recaudo todo canto se considere que poida afectar á seguridade. Sen entrar agora a reflexionar sobre o acerto ou erro desa conducta, no caso da saúde, non se pode aplicar a mesma vara de medir. Sen información clara e abundante, moitas máis vidas estarán en perigo e máis dificultoso resulta loitar contra a epidemia.

Pero non estamos a falar soamente dun problema de saúde pública. A destitución do alcalde de Beijing e do ministro de sanidade evidencian as ramificacións políticas deste grave problema. Numerosos funcionarios de rango medio están a ser removidos dos seus postos e unha inmensa conmoción sacude todas as instancias do Partido e do goberno. ¿É a transparencia un aliado de Hu Jintao? É ben sabido que a súa elección foi producto da designación por parte do propio Deng Xiaoping, pero quedou seriamente debilitado polo enorme peso dos partidarios de Jiang Zemin nos máximos órganos dirixentes. O futuro político de Hu pasa por unha eficaz loita contra a enfermidade.

No plano económico-social as perdas comezan a presentar signos preocupantes. Moitas cidades están totalmente paralizadas: as escolas e universidades pechadas, os centros de traballo a baixo ritmo, psicose entre unha poboación alarmada e desconfiada, bloques de apartamentos en cuarentena, etc. Todo ese clima repercutirá momentaneamente nas expectativas de investimento e de crecemento.

É unha dura proba para a reforma chinesa coa que ninguén contaba e que pode afectar á estabilidade do xigante oriental. Pensábase que os problemas podían xurdir do campo, onde a situación empeorou respecto á cidade nos últimos anos; ou do descontento dos traballadores das empresas estatais… Pero non, o maior problema está a ser un virus, algo minúsculo que pon en xaque ao país máis populoso do mundo. Son os signos dos novos tempos.