Pedagoxía política

Un orgullo silencioso asoma na visita chinesa a Moscova. Jiang Zemin leva baixo o brazo axuda humanitaria para unha Rusia destartalada, cun Presidente novamente hospitalizado, física e políticamente esgotado. Son vellas as diferencias existentes entre ambos os dous colosos. Nin tan sequera a “irmandade proletaria” foi quen de solapalas. Lonxe quedan os dous meses que Mao debeu pasar na capital soviética para conseguir do Kremlin unha axuda económica que, ademáis de irrelevante, apenas se mantivo uns anos. O Mao nacionalista non estaba disposto a baixar a cabeza ante ninguén. Seguiron o seu propio camiño e tiveron éxito.

Encamiñados ou resoltos os litixios fronteirizos, hoxe comparten, en boa medida, importantes intereses estratéxicos no escenario internacional. Pero no plano interno, para os comunistas chineses, alén das utilidades propiamente crematísticas (alimentos a cambio de tecnoloxía militar e nuclear), o valor esencial das relacións sino-rusas é o didáctico. Os informativos do noutrora Imperio Celeste dan conta pormenorizada do descalabro ruso e das súas causas: unha transición mal dirixida, unhas reformas políticas erradas na forma e no fondo e os terribles efectos das tensións nacionalistas. ¿Mensaxe a navegantes? Pois que a China estaría igual de non masacrar ós concentrados na praza de Tiannanmen…