Taiwán, segunda volta

Houbo un tempo en que Taiwán, a illa Formosa, era algo máis que un lugar remoto e exótico aos ollos dos galegos. O orgullo de contemplar os nosos granitos en construccións emblemáticas do Oriente tiña en Taipei unha referencia mercantil ineludible. Nunha década, aquel 20,06% (1.044 millóns de pesetas), valor en 1991 das nosas exportacións de granito en bruto a este Estado de feito, pero non de dereito, reducironse en 2000 ata 392 millóns de pesetas, apenas un 6,41% do total. E o descenso non rematará ahí. Os nosos empresarios abandonan ese mercado, e seguimos a perder peso específico na rexión economicamente máis dinámica e prometedora do planeta. ¿Imos ben guiados? O fletán agora semella tomar un lixeiro relevo. En 2000, Taiwán consolida a primeira posición nas nosas exportacións deste producto, colleitando nada menos que un 38,36 por cento do total, 1.159 millóns de pesetas. Pero en Galicia non é o mesmo falar de fletán que de granito.

Precisamemte en Taiwán celebraronse eleccións lexislativas o pasado 1 de decembro cuns resultados que acentúan a dimensión do cambio político en Taipei, iniciado coa elección presidencial de Chen Shui-bian o pasado 18 de marzo de 2000. O mapa político tradicional afonda a súa quebra en prexuizo fundamentalmente da forza que dirixiu o país nos últimos cincuenta anos e que pilotou a delicada transición dun sistema autoritario a outro democrático. En efecto, o nacionalista Kuomintang non consegue superar a súa crise perdendo un número significativo de deputados (pasou de 123 ao inicio do mandato a 110 no curso da lexislatura e a 68 agora). Na noite electoral o portavoz Lien Chan recoñecía a insuficiencia das políticas de renovación impulsadas pola dirección do Partido que non foron tomadas en serio polo electorado.

Doutra banda, consolidase o dominio do Partido Democrático Progresista de Chen Shui-bian, de signo moderadamente independentista, que experimenta un incremento de 22 escanos, a pesar da súa contradictoria xestión no último ano. O electorado segue a confiar en Chen, pero sen outorgar cheques en branco: será a primeira forza pero sen contar con maioría absoluta. Dous datos novedosos marcan a emerxencia de novas figuras no escenario político taiwanés. En primeiro lugar, o ascenso do Partido Pobo Primeiro de James Soong, escindido do KMT, que obtén 46 escanos (tiña 17 captados do KMT no último ano). Revelador é igualmente o número de deputados obtidos pola Unión Solidaria de Taiwán, do ex-presidente Lee Teng-hui, que tamén se presentaba por primeira vez á proba das urnas, obtendo 13 postos. A sorpresa foi maiúscula, sobre todo tendo en conta que este partido constituiuse hai apenas tres meses. Todas as forzas políticas creceron a expensas do KMT. O número total de escanos é de 225. A aritmética electoral obrigará ao Presidente Chen Shui-bian a buscar fórmulas de consenso.

A lectura dos resultados para China é preocupante. Desta vez non houbo manobras militares nin presións altisonantes para orientar supostamente o voto do electorado. Pero a preocupación medra en Beijing. O voto a prol da independencia ou do mantemento do statu quo actual segue a medrar. Os partidarios da reunificación co continente situanse á baixa. As novas xeracións de taiwaneses non confían na política de “un país, dous sistemas”. Chinos de Taipei e de Beijing están a un paso sobre o mapa pero politicamente moi distanciados.